Alberto e Belén Cancela, musicólogos, publican a partitura de 'Galaica'

Alberto e Beatriz Cancela: "A obra é importante por ser orquestral e mais porque as outras de Taibo non chegaron a nós"

Os irmáns Belén e Alberto Cancela comezaron a investigar xuntos arredor da música en 2013. (Foto: Nós Diario)
O Consello da Cultura Galega (CCG)  incorpora ao seu "Álbum de Galiza" a entrada do médico e músico compostelán Luís Taibo. Ao mesmo tempo, os irmáns e musicólogos Alberto e Beatriz Cancela tiran do prelo a súa edición crítica da partitura Galaica, do citado compositor. Unha peza que se creou e interpretou por vez primeira en México a comezos do século XX. Conversamos con Alberto Cancela deste e doutros proxectos editoriais vencellados coa música. 

Avante Pouca

Como nace este proxecto de recuperación de 'Galaica'?

Temos feito xa diversos traballos de investigación relacionados coa música e, sobre todo, coa cidade de Compostela, que é onde vivimos. E este proxecto sobre a obra de Luís Taibo, tamén compostelán, interesounos porque, aínda que naceu na Galiza, emigrou a México en 1908 e alí desenvolveu unha importante carreira como médico e como compositor. A raíz do traballo de investigación demos cunha sobriña del que posuía material do compositor e entre ese compendio de cousas atopamos a partitura orquestral de Galaica, composta en México en 1917 e estreada un ano despois. En 1953 interpretouse en Bos Aires, que é de onde vén a copia sobre a que nós facemos o traballo. Decidimos realzar a publicación porque partituras orquestrais na Galiza, e tan antigas, non as hai, porque non se facían, aqueles compositores que podían crear este tipo de música estaban na emigración, e aquí aínda non había orquestras. Esta é puramente galega e consideramos que era importante achegarlle un formato e dála a coñecer, tanto desde o punto de vista musical como do histórico. 

Avante Media 

E en que consiste esta edicón crítica que presentan?

Unha edición crítica supón facer unha revisión, porque se trata dunha partitura moi antiga e desde aquela a interpretación xa mudou, incluso os propios instrumentos. Facemos esta publicación para deixala a disposición do repertorio das orquestras actuais, e tamén realizamos unha achega sobre o compositor que lle dá máis valor á posibilidade de interpretar a partitura. A obra está inspirada nun libro de poemas de Valle-Inclán, que chega ás súas mans, Aromas de leyenda e, ademais de que o poeta tamén fose galego, Taibo séntese moi identificado porque o comezo do poema é algo que se refire á “afastada memoria da terra afastada”, e el tiña moita morriña. Aínda que sempre estivo moi ligado á Galiza e ás súas composicións, con boa parte dos elementos característicos da música galega. 

Cal é a importancia da obra de Luís Taibo?

Esta peza é moi importante na carreira de Taibo, admitido por el mesmo, aínda que era máis especialista na música de cámara, algo que tamén comentaba o propio músico. De feito, a Orquestra de Cámara de Guadalaxara foi o órgano que interpretou a maior parte das súas composicións, mais ningunha delas chegou a nós. 

Avante Toda

O CCG incorpora Taibo ao seu "Álbum de Galiza".

O "Álbum de Galiza" ten a entrada de Luís Taibo, que realizamos a petición do CCG a miña irmá e mais eu e, xunto a iso, está a gravación da partitura que foi feita en 1953, promovida polo Centro Galego de Bos Aires e interpretada alí polo director Washington Castro e pola Orquestra Sinfónica LRA.  

En 2013 publicaron A saga Courtier na Galiza. Fálenos desa primeira obra.

Era unha familia de músicos que saía constantemente nas nosas indagacións, así que empezamos a ver quen eran e atopamos un clan moi importante para a música galega. Atopamos tres xeracións de músicos que veñen desde Catalunya e que se instalan en Compostela como violinistas principais da catedral. A terceira xeración está representada por Ricardo Courtier, quen formou parte dos músicos que comezaron a interesarse pola música popular galega, a música de raíz, para inspirárense para as súas composicións de música académica. É dicir, collen a esencia da música popular galega e lévana ao piano, ou a orquestras de cámara. Foron tamén formadores dos máis grandes músicos composteláns.