Aira das Letras premia con “Sermos Galiza” a lectura en galego

Catro subscripcións de Sermos Galiza é o premio do concurso que a libraría “Aira das Letras” de Allariz bota a andar neste mes de maio. Catro categorías para participar no propio establecemento ou a través da rede. 

Aira das Letras
photo_camera Aira das Letras

Co nome “Mes das letras galegas” comeza a andar neste mes de maio o concurso no que a libraría “Aira das Letras” premiará a quen gañe cada unha das catro modalidades cunha subscrición semestral ao semanario Sermos Galiza

A primeira das categorías xogarase a través da páxina de facebook da libraría. Resultará triunfadora aquela persoa que reciba máis “gústame” na foto que pendure do facebook e que terá como tema a lectura de Sermos Galiza en calquera parte ou de calquera maneira. 

"A libraría quere con este premio potenciar a lectura en galego tanto de libros como de medios de comunicación na nosa lingua"

A segunda das modalidades terá como soporte a páxina web da libraría e resultará vencedora a persoa que, con maior orixinalidade e inxenio, continúe a frase “Que pasaría se consolidasemos entre tod@s un medio de comunicación 100 % galego?...”. 

As outras dúas destinaranse ás persoas que merquen durante o mes libros en galego, unha subscrición para quen resulte gañadora ao adquirir libros no propio establecemento en Allariz e outra para quen o faga a través do servizo de venda que a libraría ten na súa páxina web. Os libros en galego terán, ademais, un 5% de desconto en todo o mes de maio. 

A libraría quere con este premio potenciar a lectura en galego tanto de libros como de medios de comunicación na nosa lingua, neste caso, con Sermos Galiza, o único xornal que está escrito integramente en galego. 

Comentarios