A AELG denuncia o asasinato da poeta Renee Nicole Good pola policía de Trump
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rexeita o asasinato pola policía da escritora estadounidense Renee Nicole Good.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público un comunicado onde manifesta "o seu rexeitamento do asasinato da poeta norteamericana Renee Nicole Good", executada por un axente do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas dos Estados Unidos (ICE).
A entidade lembra Renee Nicole Good recibiu en 2020 "o prestixioso Premio da Academia de Poetas Americanos polo seu poema 'Sobre aprender a diseccionar fetos de porco'. Neste punto, lembra que "se Renée Nicole Good tiña algunha transcendencia social, era pola súa faceta literaria".
A AELG reclama "respecto para a súa memoria e denuncia o desprezo e a indignidade coa que foi tratada, cando o propio presidente Trump, sen datos sobre ela, se apresurou a colocarse do lado do axente que disparou".
Un dos aspectos que crítica a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega é a posición mantida polo presidente estadounidense, "xustificando o sucedido baixo o pretexto de ser ela 'unha axitadora profesional".
"As reaccións contra este asasinato", continúa AELG, "levaron a centos de persoas a se mobilizar ante edificios oficiais esixindo a investigación do sucedido e reclamando que se elimine a forza en operacións sobre migración. Unhas mobilizacións que xa se estenderon a outras cidades dos Estados Unidos".
A AELG destaca que "o propio alcalde de Minneapolis e o gobernador de Minnesota rexeitaron as explicacións oficiais que falan de que tentou atropelar un axente e denunciaron o que está a suceder neste momento nos Estados Unidos".
"Solidariedade co pobo estadounidense"
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega denuncia que "as persoas séntense angustiadas, perseguidas e censuradas" en Estados Unidos e traslada a súa "solidariedade co pobo estadounidense que padece estes excesos e nomeadamente co colectivo de escritores e escritoras".