sábado 06.06.2020
Cultura

E adiarmos o ano Carvalho para 2021?

As tan agardadas como demoradas Letras de Ricardo Carvalho Calero chegaban por fin para 2020, após anos de polémica. Mais quen podía prever que a mala sorte orquestraría que xusto cadrasen cunha pandemia? A raíz da suxestión de Xerardo Rodíguez, quen fora alumno de Calero, recollida por esta cabeceira, avaliamos as opinións de representantes de diferentes institucións culturais e entidades do asociacionismo e do reintegracionismo de base ante a pertinencia de deixarmos o ano Carvalho para 2021.
[Imaxe: Moncho Rama] Carvalho Calero
[Imaxe: Moncho Rama] Carvalho Calero

Ante a actual situación de reclusión estendida, como mínimo, até o 26 de abril, e a incerteza polo proceso de volta á normalidade, o Día das Letras Galegas fica na corda frouxa. Que facermos con el? Deixalo para máis adiante? Cos actos cancelados ou adiados, comezaban xa a pasada semana a escoitarse voces que suxerían a posibilidade de demorar a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero para o ano 2021.

A sexta feira recolliamos nesta cabeceira a de Xerardo Rodríguez, colaborador do semanario Sermos Galiza, quen fora alumno do ferrolán. "Non pode ser que don Ricardo, despois de ser vítima de tanta marxinación e esquecemento, sexa agora vítima colateral da COVID-19", expresaba a través das redes. Exploramos a predisposición de diferentes entidades do país arredor desta posibilidade.

Sentir favorábel do asociacionismo

Desde o reintegracionismo de base, a Fundaçom Artábria "aínda non ten tomada unha posición clara ao respecto", indica Bruno Lopes Teixeiro. Esta asociación foi promotora, por volta de 2007, daquela primeira campaña para que Ricardo Carvalho Calero fose homenaxeado, á que seguirían sucesivas negativas por parte da Real Academia Galega (RAG). "Non queriamos deixar a centralidade da homenaxe do Día das Letras na RAG", explica, polo que en anos seguintes decidiron focar os seus azos noutros proxectos.

Elia Rico agarda que se prolongue ou se adíe a homenaxe, para que Carvalho "non fique unha vez máis invisibilizado"

Malia non teren unha postura determinada, Lopes Teixeiro manifesta o seu pesar porque, unha vez conseguido e con todo o esforzo que levou, as Letras de Carvalho "pasen desapercibidas". Persoalmente, o activista de Artábria admite que demorar o recoñecemento para o vindeiro ano lle parece a opción máis acaída, especialmente para evitar que a homenaxe a unha das figuras máis recoñecidas do reintegracionismo fique no "anecdótico".

Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medúlio, considera igualmente que, xa que por este ano quedou "medio truncado", a opción máis axeitada sería trasladar o recoñecemento para 2021. Aínda que fala tamén a título persoal, é un sentir compartido entre as integrantes da asociación. De non ser así, agarda que cando menos se prolongue a homenaxe noutro momento do ano, para que Carvalho "non fique unha vez máis invisibilizado".

"Parece que hai autores gafados", comenta María Xosé Bravo, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

"Parece que hai autores gafados", comenta María Xosé Bravo, representante da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Segundo conta, na última reunión que mantiveron, por vía telemática, había moita xente partidaria de deixar Carvalho para 2021. "Se o 17 de maio seguimos a medio gas, aínda que ninguén se atreve a ser pesimista, é unha opción que hai que valorar", engade.

Neste senso, apunta que as propias institucións están instando a "sermos flexíbeis coas datas e levar as programacións máis alá de 2020", polo que non é unha resposta para nada descabezada. O que si destaca é que, "se a nivel social en maio non estamos aí é unha ocasión perdida".

O rol do ensino

Desde a Associaçom Galega da Língua (AGAL) manifestan que están "estudando seriamente" a súa postura. De facto, segundo destaca en declaracións a Nós Diario o seu presidente, Eduardo Maragoto, atópanse á agarda de que se reúna o Consello de Ministros para celebrar o propio consello da AGAL "con todos os datos", pois pretenden saír desta xuntanza, prevista para esta quinta feira, cunha opinión propia e meditada.

As dúas alternativas que se atopan sobre a mesa pasan quer por adiar todos os actos até o comezo do curso lectivo seguinte quer por deixar a homenaxe para o vindeiro ano. Isto "faría moito senso", explica Maragoto, pois ao ser o eido educativo un dos máis afectados pola crise sanitaria non vai ser posíbel aproveitar plenamente a oportunidade de xerar coñecemento arredor do autor. Nesta liña, o presidente da AGAL lembra que un dos obxectivos fundamentais do Día das Letras, como "principal festa da cultura galega", é dar a coñecer a persoa homenaxeada, cousa que "se vehicula de maneira fundamental a través do ensino".

"Nos centros comezábase a traballar agora", coincide Bravo, quen tamén destaca a centralidade das institucións educativas nesta celebración. Ademais, sinala que Carvalho é unha figura con tantos matices -como estudoso da lingua, da literatura, a súa vasta obra...- que non resulta fácil abordalo ás présas.

A figura de Carvalho "suscita debates que seguen de actualidade e que era interesante que fosen abordados no ensino", reflexiona Maragoto

Se ben Maragoto concede que trasladar o recoñecemento para outono é unha opción, valora que a divulgación arredor de Calero sería menor, pois o comezo de curso é un momento menos oportuno e máis complexo desde a perspectiva docente para traballar estes contidos.

Así mesmo, acha que sería "preocupante" que a figura de Carvalho, que leva tanto tempo reivindicándose, non acadase o mesmo peso que outras, sobre todo porque "suscita debates que seguen de actualidade e que era interesante que fosen abordados no ensino". De non deixalo para 2021, corremos, ao seu ver, "o risco de que a xente que discute estas cuestións sexa a mesma de sempre, que non se estenda ao conxunto da sociedade", a grande achega que ían supor as Letras de Carvalho.

Por todo iso, considera moi interesante valorar seriamente a proposta, como a propia AGAL fará, aínda que quen ten poder de decisión é a Academia.

A opinión da Academia

Preguntada por Nós Diario, a RAG afirma seguir "pendente da evolución da situación provocada pola COVID-19" e asegura que terá "en conta as recomendacións das autoridades competentes", mais sen especificar se están a contemplar un aprazamento do ano Carvalho. "Calquera decisión a respecto do calendario da celebración do Día das Letras Galegas será feita pública", afirman.

"Calquera decisión a respecto do calendario da celebración do Día das Letras Galegas será feita pública", afirman desde a RAG

A Consellaría de Cultura, pola súa banda, manifestou que a celebración "é un asunto que depende da Real Academia Galega", coa que "desde a Xunta estamos en contacto permanente e respectaremos a decisión que tome". Así pois, a última palabra fica nas mans da RAG.

comentarios