A Academia pasa páxina coa elección do nome para un novo Día das Letras Galegas

Ás 13.30 está convocada a rolda na que a Academia anunciará o nome ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2016. Xela Arias, Carvalho Calero e Manuel María son as tres opcións polas que votarán os membros da institución con sede na coruñesa Rúa Tabernas. A Academia pasará así páxina dun ano no que as críticas superaron ás conmemoracións. 

Academia
photo_camera Academia

 

Aconteza o que aconteza na votación -ou votacións- que hoxe se desenvolvan na sede da Real Academia Galega, o que se percibe no mundo das letras galegas é que hoxe pasará páxina dun episodio que lle ocasionou máis críticas que parabéns. A elección o pasado ano de Xosé Filgueira Valverde como autor homenaxeado foi, sen dúbida, a máis polémica desde que en 1962 nacía a festa das letras co ano dedicado a Rosalía de Castro. 

Nada máis se coñecer o pasado ano por esta altura o resultado da votación dos membros numerarios da institución, a Academia recibía queixas que proviñan non só do mundo da cultura senón tamén do ensino e dos colectivos de recuperación da memoria historia. O seu pasado vinculado ao franquismo facían de Filgueira Valverde un autor pouco proclive para a celebración e consecuencia diso foi un ano no que o Día das Letras Galegas perdeu folgos, con escasas publicacións e moi pouca presenza no sistema educativo no que moitos ensinantes fixeron galega dunha “obxección de conciencia” que se anunciou desde o inicio. 

"O seu pasado vinculado ao franquismo facían de Filgueira Valverde un autor pouco proclive para a celebración e consecuencia diso foi un ano no que o Día das Letras Galegas perdeu folgos"

Que a única biografía publicada sobre o autor fora a escrita polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero daba tamén medida da desafección do sistema editorial por unha festa na que, noutras ocasións, se empeñaba en fornecer materiais destinados ao sistema educativo. Á marxe da Editorial Galaxia, que creou unha colección para publicar a obra de Filgueira Valverde, poucos foron os novos títulos que naceron ao abeiro da data. Pola contra, o libro de máis repercusión dos publicados ía ser A poesía oculta de Filgueira Valverde (Baia Edicións) na que o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato descubría que os tres poemas anónimos de exaltación franquista que o autor de Pontevedra atribuíra a Noriega Vareala eran da súa propia autoría.

Coa elección que se desenvolva na Rúa Tabernas este sábado a Academia pasará páxina deste episodio que mesmo topou con voces discordantes nas súas filas e optará por un autor ou autora que lle garante que, pase o que pase, serán máis os aplausos que as críticas os que se sintan ao se coñecer o nome.  Da ampla nómina de candidaturas que o pasado ano se barallaban -algunha mesmo entrou nas distintas votacións- caeron as que menos euforia poderían producir manténdose tres nomes que, por distintas razóns, darán un xiro á conmemoración con respecto ao pasado ano. 

Con Xela Arias, a Academia conseguiría un dobre efecto. Por unha parte, daría un paso adiante na minguada presenza de nomes de mulleres na festa grande das letras galegas, crítica que ecoa a miúdo nunha institución no que as académicas seguen a ser minoría. Malia que a conmemoración nacera coa fundadora da nosa literatura contemporánea, Rosalía de Castro, só Francisca Herrera Garrido en 1987 e María Mariño en 2007 conseguiron a maioría dos votos para seren protagonistas dun Día das Letras Galegas polo que, desde o feminismo e, en especial, desde o feminismo literario, o nome de Xela Arias sería recibido con entusiasmo. Nacida en 1962, e con escasa obra, Xela Arias ten tamén ao seu favor a faceta de tradutora, ámbito de especial relevancia no sistema literario que podería ser partícipe dunha conmemoración que poucas veces repara no exercicio de escrita de traer para o galego obras doutras literaturas. 

 "A Academia pasará páxina e optará por un autor ou autora que lle garante que, pase o que pase, serán máis os aplausos que as críticas os que se sintan ao se coñecer o nome"

De os votos ir dar a Ricardo Carvalho Calero o reintegracionismo levaría unha das grandes sorpresas da súa historia, que a Academia que promulga as normas da nosa lingua festexara a quen se converteu no defensor do achegamento do galego ao portugués. A de Ricardo Carvalho Calero é materia pendente no Día das Letras Galegas, a queixa que de continuo se lle bota á institución que decide a festa grande das nosas letras e que pasa, ano tras ano, por riba dun autor con ampla obra literaria e de investigación e a quen se lle debe un traballo inxente a prol da nosa lingua e literatura, alén do compromiso cultural e político da súa biografía. Contra o que acontece cos outros dous nomes, a Carvalho Calero non se lle coñecen firmes defensores nas cadeiras de Tabernas, condición case necesaria para, nun momento dado, conseguir vencer nunha votación na que sempre hai quen se deixa guiar e na que, moitas veces, o resultado final sobarda calquera previsión. 

De ser escollido Manuel María para o vindeiro Día das Letras Galegas non faltará quen o celebre. Que o vindeiro 11 de xullo se celebre na sede da Fundación que leva o seu nome en Outeiro de Rei o  II Convivio da Cultura Galega con presenza de asociacións culturais de todo o país dá boa idea do relevante da súa figura para todo o tecido que promove a cultura desde a base. Sería ese o xermolo, que el tan ben abonara, para unha conmemoración que volvería a tomar forza en asociacións e entidades coas que Manuel María colaborou con tanta intensidade. Do que fora académico gárdase aínda vivo un intenso afecto tanto no mundo literario, do que era activo participante, como no ámbito asociativo no que se converteu en colaborador necesario. Ademais da súa obra que o converte nun dos nomes fundamentais da literatura do século XX, Manuel María foi un activista da lingua e a cultura que devolvería á xornada a súa condición reivindicativa en tempos nos que a normalización da lingua padeceu un singular retroceso. A Casa Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, aberta hai dous anos ,converteríase nun dos referentes da conmemoración e nunha ocasión para dinamizar a literaria comarca da Terra Chá, berce de tantos escritores e escritoras. 

Comentarios