A Academia anuncia a presentación de inéditos de Rosalía de Castro

A Real Academia Galega anuncia a presentación de manuscritos autógrafos con versos descoñecidos de Rosalía de Castro, poemas e fragmentos poéticos. O acto de presentación pública desenvolverase esta quinta feira na sede da rúa Tabernas, coa presenza do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e o da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. 

Rosalía de Castro
photo_camera Rosalía de Castro

A Academia Galega convoca a través dun comunicado ao acto de presentación de textos poéticos inéditos de Rosalía de Castro que terá lugar esta quinta feira. Segundo adianta na nota, trátase de manuscritos autógrafos con versos descoñecidos, poemas e fragmentos inéditos. “Botan nova luz sobre os inicios da súa carreira literaria en galego e- dun xeito especialmente revelador- sobre os últimos pasos da súa obra en castelán”, destacan. 

Ademais dos presidentes da Academia Galega e a Fundación Rosalía, participarán no acto o secretario da RAG, Henrique Monteagudo máis a investigadora e profesora da Universidade de Barcelona, Mª Xosé Lama. Para a Academia a incorporación destes textos ao corpus rosalián “pon un brillante ramo ás conmemoracións do ano do sesquicentenario de Cantares Gallegos e que sen dúbida será de grande interese tanto para os investigadores e investigadoras da obra rosaliana coma para a xeneralidade do público galego”.

No ano das conmemoración, Sermos Galiza publicou un texto descoñecido da autora, recuperado polo investigador Francisco Rodríguez. 

Comentarios