Abre a maior retrospectiva sobre Maruxa Mallo, símbolo da muller moderna

Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Vista da exposición 'Maruxa Mallo: Máscara e compás'. (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
Maruxa Mallo no seu estudo de Bos Aires coa súa serie 'A relixión do traballo' (1989). (Foto: José Ignacio Abeijón)
'Verbena' (1927). (Foto: Colección María Escribano)
'Canto das espigas' (1939). (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
'Dúas máscaras na praia'. (Foto: Colección particular)
'Figuras' (1937). (Foto: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía)
O Museo Reina Sofía, Madrid, inaugura este 8 de outubro 'Maruxa Mallo. Máscara e compás', a maior retrospectiva dedicada á artista galega, pioneira das vangardas e símbolo da muller moderna. A mostra percorre seis décadas de creación entre o surrealismo e a liberdade dunha “creadora total” que reinventou a mirada do seu tempo. 

No limiar das guerras, entre as praias de Viveiro (A Mariña) e as rúas de Madrid, xestouse unha das figuras máis singulares e renovadoras da arte galega do século XX: Maruxa Mallo (1902-1995). Pintora, ilustradora, escenógrafa, muralista e ceramista, foi unha “creadora total”. Unha muller que fixo da independencia o seu programa vital e artístico.

Mallo formouse no mesmo escenario cultural de Dalí, Buñuel e Lorca, cos que compartiu amizade, proxectos e certa pulsión polo desbordamento creativo. Educada na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, foi a única moza admitida na súa promoción. O seu talento chamou axiña a atención de Ortega y Gasset, que lle abriu as portas da Revista de Occidente e apadriñou a súa primeira exposición en 1928, con trinta obras da serie Verbenas: unha exaltación da tradición e do festivo, onde o movemento e a ironía se mesturan coa fascinación pola cultura popular.
 

Nos anos trinta, Mallo incorporou unha linguaxe cada vez máis persoal. Logo dun paso curto pola Escuela de Vallecas, o seu traballo entrou nunha fase de ruptura coa serie Cloacas y campanarios, onde o lixo e os restos urbanos simbolizan un mundo esgotado. Cando expuxo en París unha selección de obras pertencentes a esta serie, en 1932, André Breton, fundador do surrealismo, visitou a exposición e adquiriu a obra Espantapájaros, eloxiando a súa forza visionaria e orixinalidade plástica. Aquela compra significou, en termos simbólicos, o recoñecemento de Mallo como unha creadora afín ao movemento surrealista, malia non integrarse formalmente nel. Era o recoñecemento internacional a unha artista que transitaba entre o surrealismo e un realismo máxico de raíz popular.

A Guerra Civil fendeulle a vida polo Atlántico. O exilio levouna á Arxentina, onde continuou pintando, dando conferencias e deseñando escenografías teatrais. Nesa etapa elaborou un universo mariño e simbólico cheo de algas, estrelas de mar, conchas e figuras hieráticas que poboan as súas obras, nas que o mar se converte en metáfora de resistencia e de creación. Nos anos cincuenta e sesenta, a súa arte experimentou un proceso de depuración formal, influído pola xeometría e a harmonía matemática. Arquitecturas minerales e Arquitecturas vegetales reflicten esa procura da orde cósmica que recupera a natureza como sistema.

Cando volve ao Estado español, en 1962, a plástica galega atopa un panorama dominado por unha cultura oficial que apenas lembraba o seu nome. Maruxa terá que agardar algunhas décadas até que Galiza comece a reivindicala como figura propia.

Nestes días, o Museo Reina Sofía e a Fundación Botín presentan a maior retrospectiva da carreira da artista. Maruxa Mallo. Máscara e compás abre hoxe ao público e poderá visitarse até o vindeiro 16 de marzo de 2026. Comisariada por Patricia Molins, esta non é só unha exposición retrospectiva, senón que é tamén un proxecto que restitúe a presenza da creadora galega no relato da modernidade.

A comisaria da mostra, Patricia Molins. (Foto: Museo Reina Sofía)

A mostra complétase cun amplo programa de actividades e unha intervención simbólica na entrada do museo: unha alfombra de cunchas de doce metros producida pola Asociación Cunchas e Flores, co apoio da Xunta da Galiza. Este limiar transforma o acceso ao edificio nunha metáfora visual da volta á patria estética da propia artista, que fixo do Atlántico o seu espello interior. Segundo se sinala dende o Museo, a alfombra efémera “está inspirada na produción artística e na personalidade de Maruxa Mallo” e foi concibida como unha peza de benvida que “une a tradición popular galega coa modernidade da súa obra”.

O percorrido deseñado propón unha lectura contemporánea da artista, non só como pintora senón como pensadora visual que anticipou debates hoxe vixentes sobre a identidade, o corpo e o papel da muller na sociedade. A exposición amosa o xeito en que Mallo converteu a súa propia imaxe nun laboratorio performativo, con autorretratos, fotografías e escenografías nas que se disfraza, se transforma, e desafía os límites entre arte e vida. A súa “plástica escenográfica”, como ela mesma a definía, adquire agora unha nova lectura á luz das prácticas actuais. Patricia Molins, comisaria da mostra, subliña esa “cosmovisión feminina e propia, ligada á terra e ao popular, pero tamén ao moderno”, que fixo de Mallo unha das voces máis audaces da súa xeración.

A exposición reúne perto de duascentas pezas, entre pinturas, debuxos, fotografías e documentos, moitos deles inéditos, que devolven a Maruxa Mallo a escala que merece: a dunha artista total, pioneira e insubmisa. O título, Máscara e compás, resume o seu universo: o compás, como orde e medida; a máscara, como xogo e identidade mutable. Na súa obra imos poder ver unha constelación de ideas e formas que dialogan co paso do tempo, nunha produción en perpetua construción.

“A arte é a miña maneira de poñer orde no caos”, escribiu Mallo. O seu legado lembra que a modernidade tamén fala galego e que, no trazo dunha muller, cabe un universo.