Novo coleccionábel

Seoane, Castelao, Maruxa Mallo... As 'voces' galegas no exilio, no novo coleccionábel de 'Nós Diario'

Nós Diario agasallará ás súas lectoras e lectores cun novo coleccionábel que lembrará as persoas que loitaron pola cultura do país desde o exilio. No ano en que se lle dedica ao exiliado Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas, 17 fascículos reivindicarán figuras que mantiveron vivo o facho da cultura nos anos máis escuros.
Chegada de Castelao a La Habana, Cuba, no ano 1938.
photo_camera Chegada de Castelao a La Habana, Cuba, no ano 1938.

A cultura galega estaba nun período de vitalidade extraordinaria: a recuperación da lingua e da literatura da man do Partido Galeguista e das Irmandades da Fala supuña un renacemento literario no que convivían tradición e vangarda; as artes plásticas miraban cara a Europa sen deixar de reivindicar unha identidade propia da man de 'Os Novos'; estreábanse obras de teatro en galego -e mesmo algunha ópera- que desafiaban prexuízos e convencionalismos; os intelectuais tiñan un protagonismo destacado na vida política; a música xuntaba o folclore coas novas tendencia na busca de rexistros novos; revistas culturais como Nós daban conta daquel movemento de revitalización mentres outras como Ronsel, Alfar ou Céltiga creaban nexos de unión coas correntes europeas e americanas. 

E todo aquilo quedou estancado en xullo de 1936. A barbarie perseguiu e triturou a persecución da utopía, substituíndoa por un escurantismo represor e ignorante. Mais os creadores e as creadoras galegas seguiron teimando no seu empeño de dar a luz unha cultura que representase os anhelos da Terra. O exilio foi o escenario no que se continuou aquel labor de revitalización da creación e da vida social dun país máis libre, máis dono de si mesmo. 

Homenaxe ao exilio

Nós Diario quere, no ano en que se lle dedica ao exiliado Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas, recuperar, aínda que sexa de forma simbólica, as figuras e as obras que continuaron fóra o que xa non podían rematar na Terra. A nova serie de fascículos que se entregará co xornal durante o mes de maio, quere contribuír a revalorizar todos aqueles persoeiros da cultura que sufriron a represión e que foron, por esa causa, parcialmente considerados, desigualmente apreciados ou mesmo inxustamente esquecidos. Algúns deles transformáronse en símbolos, como Castelao. Mais outros permaneceron na sombra ou recibiron máis aplauso no estranxeiro que na súa propia patria. 

Durante todo o mes de maio, de terza a sexta feira, publicarase un coleccionábel que reivindicará as vidas e as obras de Castelao, Luís Seoane, María Casares, Alonso Ríos, Virxinia Pereira, Arturo Souto, Maruxa Mallo, Ramón de Valenzuela, Amparo López Jean, Carlos Velo, Rafael Dieste, Lois Tobío, Suárez Picallo, Bal y Gay, Luísa Viqueira, Guerra da Cal e Mariví Villaverde. Unha manchea de nomes que representa moitos máis, pero que adquire protagonismo propio cando se observa con atención a calidade e o alcance da súa obra. 

Da man de reputados especialistas, a serie tratará de devolver a memoria dun grupo de homes e mulleres que crearon importantes centros de cultura nos que a defensa do idioma, da propia identidade cultural e da decidida acción política nacional foron o centro da actividade intelectual ao longo da xeografía americana e europea. 

A renovación artística de Arturo Souto, Maruxa Mallo ou Luís Seoane; o nacemento dun cine nacional da man de Carlos Velo; o prestixioso labor de tradutor de Loís Tobío; a conversión en estrela do teatro francés de María Casares; o encontro do folclore coas músicas máis audaces nas partituras e nos traballos de investigación de Bal y Gay; as diversas correntes literarias e culturais que encarnaron Mariví Villaverde ou Guerra da Cal; o activismo de Alonso Ríos ou Amparo López Jean... volverán á Galiza para quedar, situados no lugar que lles corresponde polos seus propios méritos. 

Guiados por especialistas 

O coleccionábel contará coa participación de especialistas como, entre outros, Miguel Anxo Seixas, Xosé Luís Axeitos, Xosé Carlos Bernárdez, Arantxa Estévez, Montse Fajardo, Xan Carballa, Mercedes Rozas, María Antonia Pérez ou Carlos Pereira. 

Guiados polas súas voces, traeremos de volta a obra e a traxectoria vital daquelas persoas que tiveron que renunciar a case todo para iniciar lonxe da casa un proxecto que ía máis alá da expresión persoal: lembramos á lírica dos desterrados de todas as batallas perdidas que van cantar unha patria por construír. É o exilio que volve á Terra para quedar.

Comentarios