Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín gañan o concurso literario Mazarelos da USC

Proupín repite no podio, pois xa gañara en 2022 o certame co relato titulado 'Pater familias'.
Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín, os agraciados na edición deste ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín, os agraciados na edición deste ano. (Foto: Europa Press)

Abel Lorenzo-Rodríguez co poemario Os sucesos e Gael Uxío Proupín Cantelar co relato Quen matou a González Vallés foron os gañadores 'ex aequo' da novena edición do Concurso literario Mazarelos, certame que convoca anualmente a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC.

O acto de entrega dos premios decorreu esta segunda feira no salón de actos da Facultade de Filoloxía, presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Valentín García. Ademais, asistiron o decano da Facultade, Elias Feijo, e o responsábel do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. O evento, do que informou a USC nun comunicado, incluíu a actuación musical de Mondra.

A USC lembrou que Gael Uxío Proupín Cantelar repite no podio, pois xa gañara en 2022 o certame co relato titulado Pater familias. En anteriores edicións obtiveron premios autores e autoras que posteriormente continuaron a súa carreira creativa coa publicación de obras literarias, como é o caso de Arancha Nogueira, que obtivo o primeiro premio en 2017 e 2018 ou de Lois Alcaide, co segundo en 2018.

A Universidade de Santiago de Compostela lembra que este concurso naceu co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste ámbito da cultura.

O nome do certame lembra e homenaxea as raíces da facultade, que estivo situada na Praza de Mazarelos, e mesmo da Universidade e da propia cidade de Santiago de Compostela.

Comentarios