A lenda do blues Barbara Lynn abrirá o Outono Códax Festival en Compostela

Unha lenda do rythm&blues abrirá o Outono Códax Festival o 28 de setembro. A mítica Bárbara Lynn estará en Compostela no festival de música negra que terá coas The Chiffons un peche de excepción. 

Barbara Lynn
photo_camera Barbara Lynn

Barbara Lynn e The Chiffons converten o Outono Códax Festival 2013 nun dos principais encontros do ano no panorama musical galego. Canda estes dous grandes nomes, a banda xaponesa de funk Osaka Monaurail e os Letties Soul Connetion con Michelle David e Blackberry´n Mr. Boo-Hoo, ademais dos The Big Jamboree e os Earth Angels fan desta edición do festival de Compostela unha cita obrigada para amantes do soul, blues, funk ou rock. 

The Limboos e Niño y Pistola son os grupos galegos que toman parte no programa do Outono Códax Festival promovido pola Reixa e Raíña Productions que este ano conta co patrocinio de Martin Códax, unha cita consolidada que na pasada edición centrou xa a atención da tempada musical coa presenza de tamén mítica Lala Brooks que fixo vibrar a Capitol nunha noite inesquecíbel. O regreso de Barbara Lynn e The Chiffons significa todo un acontecemento despois de anos sen actuar en escenarios europeos. Números un nas listas de éxitos dos anos sesenta, os seus lendarios nomes relocen nun cartel do festival de Compostela que conta tamén con algunhas das bandas máis prestixiosas do actual panorama internacional como son Osaka Monaurail; Lefties Soul Connection coa voz de Michelle David e Blackberry´n Mr Boo-Hoo ademais das estatais The Big Jamboree e Earth Angels e as bandas galegas de referenciaThe Limboos e Niño y Pistola. 

Acontecemento musical

O Festival dará inicio o día 28 de setembro con Barbara Lynn na Sala Capitol de Compostela, a muller qu epuxo voz a algunhas das cancións mundialmente famosas como “You´ll Lose A Good Thing”, “You´re Gonna Need Me” ou “Oh Baby (We Got a Good Thing Goin´)”, nun repertorio que chegaron a versionar Aretha Franklin ou The Rolling Stones. Bárbara subiu aos escenarios con B.B. King, Jackie Wilson, Otis Reding, Sam Cooke, James Brown, Ike&Tina Turner, Al Green ou Marvin Gaye, entre outros. 

Na noite do 28, canda Lynn subirán ao escenario o dúo francés Blackberry´n Mr Boo-Hoo e os galegos The Limboos os que abran boca no primeiro concerto do Outono Códax 2013: rythm&blues. O sábado 19 de outubro, os xaponeses Osaka Monaurail serán o prato forte dunconcerto no que tamén participarán Lefties Soul Connection con Michelle David e Niño y Pistola. O peche terá lugar o 26 de outubro con outra cita mítica a cargo das The Chiffons, un dos lendarios grupos dos sesenta que contarán coa compañía de The Big Jamboree e Earth Angels. 

Alén dos concertos, o Festival abrirá a exposición “Rock Around The Design. O rock ó compás do deseño galego”, unha aposta por revisar o valor da arte gráfica e o deseño aplicados a música a través de portadas de discos, carteis ou mesmo entradas de concertos. 

Os prezos das entradas será de 20 euros en venda anticipada e 24 en billeteira cun abono de 39 para os tres concertos, se se compra até o 31 de agosto e 46 con posterioridade. A venda comezará o 17 de xullo en Tenda A Reixa (Santiago), Discos Nonis (A Coruña), Honky Tonk (Vigo), www.ticketea.com e www.salacapitol. O Festival activa o "Rock´nporte", como pasaporte directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos arredor dun cento de establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival. 

Comentarios