Do 30-N ao 1-D en Pontevedra

A cultura vai á feira: comeza o Culturgal

A caseta de Nós Diario no Culturgal.
A 12ª edición do Culturgal ofrece unha radiografía do panorama da cultura galega, achegando á cidadanía as principais novidades e tendencias. Sermos Galiza escolma as propostas que atoparán os visitantes do Pazo da Cultura. Eis un extracto da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza 374.

Máis un ano, os principais axentes da cultura da Galiza danse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar o Culturgal. Da sexta feira 29 de novembro ao domingo 1 de decembro, perto de 15.000 visitantes percorrerán as máis de cen casetas que a compoñen, procurando un petisco do que compón a oferta anual en materia de cultura.

Cun cartaz que pon a énfase nas novas tecnoloxías, a proposta do Culturgal para 2019 chega cunha nova montaxe que lle dá a «volta» á distribución espacial dos últimos anos, estruturando cinco espazos: infantil, carpa, foro, libro e cinema. O lema «Dálle unha volta á feira!», para alén de evocar este cambio, incide no público como protagonista do evento. 

Diferentes espazos

A carpa acollerá numerosas actuacións musicais, entre as que destacan os retornados Dios Ke Te Crew ou a estrea do Contrapunto de Tanxugueiras. Pola súa banda, Fran Amil presenta Popsía, traballo que verá a luz o vindeiro 2020 adaptando a ritmo de pop, swing e folk, poetas da nosa tradición, desde o Medievo até a actualidade. O compositor pontevedrés Ángel Paz exporá Rostros Invisibles, un disco de rock feminista que adapta a obra Invisibles na que Montse Fajardo recolle os testemuños de sete mulleres vítimas da violencia de xénero.

A literatura atopará o seu espazo de encontro entre autoras e público, prestando atención aos premios, novidades e lanzamentos a curto prazo. As mulleres ocupan un papel relevante na produción do ano, desde a antoloxía de María do Cebreiro, Herba de Namorar, pasando pola publicación recente de Ninguén dorme, de Rexina Vega ou Agosto, o último poemario de Miriam Ferradáns, marcan algunhas das presentacións máis prometedoras. Así, destacan tamén as conversas entre escritoras, como a que enfrontará Gonzalo Hermo e Berta Dávila. No marco do papel, Culturgal acollerá a estrea do número cero de Nós Diario o sábado 30 de novembro ás 13 horas coas intervencións de Xoán Costa, María Obelleiro e Guadi Galego. O espazo do cinema escolmará o mellor do audiovisual do ano, entre o que non pode faltar a proxección de O que arde. Nun adianto do que veremos «proximamente nos cinemas», Culturgal contará cun pase do Eroski Paraíso, de Chévere, previo á súa estrea en salas o vindeiro 13 de decembro. Haberá tamén un encontro arredor de María Solinha, novo filme de  Ignacio Vilar, coa presenza das actrices Grial Montes, Laura Míguez e Mabel Rivera. 

Crianzas protagonistas

O Culturgal segue a súa liña dunha programación para todos os públicos, con especial atención aos intereses das de menor idade. Neste senso, xa adiantaban o novo espectáculo de Talía Teatro, Lambetadas, no que María Ordóñez e Diego Rey empregan o clown e técnicas do teatro dos obxectos para a «concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva». Pola súa banda, Barafunda correrá ao cargo de varias actividades, entre as que se atopan Un mar de burbullas, espectáculo con pompas de xabón para xogar coas emocións. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

O Culturgal pode visitarse sexta feira 29 e sábado 30 de novembro de 11 a 21 horas e domingo 1 de decembro de 11 a 20 horas.