lanzamento

Sábado 30, ás 13:00 horas, en Pontevedra: presentación do número cero de Nós Diario

REDACCION NOS DIARIO

Guadi Galego (Cedeira, 1974) participará no acto de presentación do número cero do diario e o seu suplemento, que terá lugar no marco do Culturgal. Sermos Galiza S.A. dá a coñecer as características do novo medio, que se publicará de maneira regular a partir do 2 de xaneiro

Conta atrás para coñecer o novo medio que levará o galego aos quiosques de terzas feiras a sábados. A presentación do número cero de Nós Diario e do seu suplemento, Sermos Galiza, terá lugar na feira das industrias culturais, que decorrerá do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

No acto que acollerá o Espazo Foro do Culturgal ás 13 horas do sábado participarán, alén o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa, e da directora de Sermos Galiza e de Nós Diario, María Obelleiro, a música Guadi Galego. A artista de Cedeira, que vén de ser recoñecida co premio á promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español, fai un alto no camiño que a leva a presentar o seu último traballo discográfico, Immersión, por todo o país, para acompañar o número cero do novo medio. Guadi Galego forma parte, ademais, do grupo impulsor de Nós Diario.

Nós Diario contará cunha redacción integrada capaz de producir contidos para o diario en papel e para o diario dixital e as redes sociais

Da man de Nós Diario, Sermos Galiza S.A. volve estar presente máis un ano no grande escaparate da cultura galega. Na súa caseta poderán recollerse, de balde, exemplares do número cero tanto do diario en papel (que consta de 32 páxinas a cor) como do suplemento de fin de semana (tamén de 32 páxinas a cor) que acompañará a Nós Diario os sábados e que herda o nome do seu precursor, o semanario Sermos Galiza. Ambas as dúas publicacións foron deseñadas por un dos máis importantes grafistas da nación, Pepe Barro.

Saída á rúa o 2 de xaneiro

Nós Diario venderase nos quiosques e chegará á casa das subscritoras e subscritores a partir do 2 de xaneiro de 2020, de terzas feiras a sábados. A partir do 2 de xaneiro tamén se editará os 365 días do ano o diario dixital nosdiario.gal, cuxo deseño está a ultimarse. Precisamente, a redacción de Nós Diario vén de se formar en Search Engine Optimization (SEO), é dicir, nas novas técnicas de optimización en motores de busca, hoxe fundamentais no xornalismo dixital.

Cristina Franco, xefa de formación SEO/Marketing na empresa ourensá Openhost, xefa de proxectos e consultora  experta de comunicación, e David Martínez, director executivo de Openhost, xestor no departamento de publicidade e responsábel da estratexia de negocio, explicaron como conseguir que os contidos de Nós Diario obteñan as mellores clasificacións nos resultados das buscas na Internet.

«Concibimos a formación como un dereito e tamén como un deber sen que iso supoña cargar a responsabilidade ás traballadoras e traballadores, entendemos que é unha obriga nosa que os cursos se realicen sen que ocupe o seu tempo de lecer», explica Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. Costa sinala que a aposta da empresa polo papel favorecerá o diario dixital, «sempre dixemos que o diario en papel era un instrumento para reforzar o noso diario dixital».

«Como empresa, temos o obxectivo de contar cun persoal ben formado nas tecnoloxías coas que imos competir cos demais. E unha delas é que a nosa información logre unha boa posición nos motores de busca e nas redes sociais», engade Costa, que informa de que nas próximas semanas Sermos Galiza S.A. esforzarase en formar a redacción en maquetación e deseño e en conseguir unha mellor competencia lingüística.

Nas últimas semanas, as traballadoras e traballadores de Nós Diario aprenderon a manexar as ferramentas do xestor de contidos do diario dixital e comezaron a desenvolver as primeiras probas que precederon o número cero que agora vai ver a luz. Nas próximas semanas, até a saída periódica do diario en papel, a redacción, que botou a andar o 1 de outubro deste 2019 dirixida por María Obelleiro e por Xesús Manuel Piñeiro, como subdirector, continuará pechando as melloras tanto no diario en papel como no diario dixital.

Sinerxías papel‑dixital

Sermos Galiza S.A. salienta as sinerxías entre os dous soportes en que verá a luz Nós Diario. O futuro da industria da comunicación, que vive en permanente mudanza e evolución, pasa necesariamente polo concepto multiplataforma, é dicir, por aproveitar tanto o soporte dixital como o papel. A axilidade, a accesibilidade e os recursos da linguaxe multimedia complementaranse coa forza do papel, que recollerá a análise e a profundidade dos grandes temas. Desta maneira cubriranse as necesidades informativas das lectoras e lectores.

Neste sentido, Sermos Galiza S.A. aposta nunha redacción integrada capaz de producir contidos tanto para o diario en papel como para o diario dixital e as redes sociais. Todo isto nun mesmo fluxo de traballo e dunha maneira sinxela e eficaz.

O diario dixital

O novo medio contará cun diario dixital que se caracterizará por un deseño sinxelo no que predominan a cor azul, branca e a negra, as mesmas da cabeceira ideada por Pepe Barro. A organización da información, coa súa categorización, implicará un xornalismo máis cómodo e doado de ler. Será chave, neste sentido, a identificación rápida dos titulares e o uso dunha tipografía lexíbel e limpa, cómoda de ler en todos os soportes. 

«Sempre dixemos que o diario en papel era un instrumento para reforzar o noso diario dixital», afirma Xoán Costa

O deseño de escritorio será adaptado ao coñecido como responsive ou adaptado, isto é, para todo tipo de pantallas, desde smartphones ou teléfonos móbiles intelixentes ás tablets. Consiste en redimensionar e situar os elementos da web de maneira que se adapten ao largo de cada dispositivo, permitindo unha visualización correcta e unha mellor experiencia para a persoa usuaria. Este deseño evita os contidos duplicados e aumenta a viralidade dos contidos, xa que permite compartilos dunha maneira máis rápida e natural.

A organización da información

Nós Diario farase eco no soporte dixital e no de papel de temas actuais que os grandes medios de comunicación que operan na Galiza non adoitan recoller: a cultura galega, o traballo, a diáspora, a historia, os feminismos, a lingua, a memoria… todo un amplo abano de posibilidades que interesan a un público de pensamento aberto que non ve reflectidas as súas ideas de avance social na prensa convencional.

A información organizarase nas seccións Galiza; Economía e Traballo; Internacional; Cultura e Axenda. Tamén en Opinión e En Foco, dous apartados que, no diario en papel, xorden como seccións de ruptura para favorecer unha lectura máis dinámica.

Subscríbete por 60 céntimos ao día

Bastante menos do que vale un café. Ese é o prezo da subscrición a Nós Diario, que ofrece múltiples posibilidades para facilitar o pagamento ás persoas asinantes. A subscrición representa un importante aforro a respecto da compra do diario día a día, cuxo prezo será de 1,50 euros de terzas a sextas feiras e de 3 euros o sábado, día en que acompaña o diario o suplemento de fin de semana.

Desde 20 euros cada mes, ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, podes facerte subscritora ou subscritor, ou mesmo agasallar cunha subscrición a quen desexes. Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Nesta modalidade, alén facerse 12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes, tamén é posíbel pagar 57 euros ao trimestre, 108 euros ao semestre ou un pagamento anual de 204 euros, o que representaría 17 euros ao mes.

En canto á versión en papel, que inclúe o acceso ao diario dixitalizado na nube, é posíbel facerse asinante por 27 euros ao mes; por 78 euros ao trimestre; por 150 euros ao semestre ou por 288 ao ano, o que suporía 24 euros ao mes.