A Academia homenaxea a Vidal Bolaño no primeiro plenario presidido por Alonso Montero

A imaxe de Roberto Vidal Bolaño como pano de fundo. A escenografía de Criaturas, de Teatro do Aquí, sobre o escenario. A Academia celebrou a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas co plenario reunido no Teatro Principal de Santiago. O primeiro presidido por Xesús Alonso Montero. Foi a meiodía, a mesma hora que a manifetación de Queremos Galego saia da Alameda e pouco antes de que se impedira a entrada á Rúa Nova na que se celebraba coa asistencia do presidente da Xunta.  

Plenario da Academia do 17 de maio no Teatro Principal
photo_camera Plenario da Academia do 17 de maio no Teatro Principal

O día principal do ano no que se celebra a Roberto Vidal Bolaño lembrarase tamén por algunhas razóns alleas á inmensa figura do home de chapeu e nariz de pallaso. Ademais da sombra longa de Rosalía de Castro coa que compartiu o ano cultural ao coincidir co 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, na sesión plenaria extraordinaria que a Academia lle tributa cada ano a quen ela mesma elixe para homenaxear no Día das Letras Galegas pairaba a recente crise da institución. Na imaxe, unha nova executiva encabezada por Xesús Alonso Montero presidía por vez primeira a sesión. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo ocupou o lugar de honra no escenario, mentres nas butacas convivían, familia, veciños e amigos de Vidal Bolaño con cargos institucionais como o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o Secretario Xeral, Anxo Lourenzo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo ou o alcalde de Santigo, Anxo Currás.

O secretario en funcións, o lingüísta Xosé Luís Regueira, foi o encargado de ler a acta da sesión ordinaria na que Roberto Vidal Bolañao fora nomeado autor do Día das Letras Galegas 2013. Será posibelmente o último acto de Regueira como secretario e puña á vista que Roberto Vidal Bolaño fora elixido noutro tempo, no presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín, ausente do acto. Como ausentes foron máis da metade dos académicos e académicas, que non asistiron á sesión extraordinaria nun dos días máis relevantes da axenda académica. Apenas dezaoito membros do plenario ocupaban o escenario presidido por unha imaxe en branco e negro de Vidal Bolaño. Entre eles, Xosé Luís Franco Grande que volve neste primeiro acto da nova executiva á actividade da Academia despois dunha longa ausencia.


Nesta súa primeira sesión como presidente, a Alonso Montero tocoulle pechar a sesión, nunha intervención na que defendeu a voz crítica dos intelecutais, evocando o compromiso de Roberto Vidal Bolaño, xa que ao seu ver “se non son críticos non son intelectuais”.. “Hai que apoiar a cultura, o teatro, hai que apoiar sobre todo as voces críticas porque vostede, como nós, somos vítimas do mercado” dixo Alonso Montero dirixíndose a Alberto Núñez Feijóo que tiña a súa esquerda.

"E ti dirás, a que vén todo isto?"

Nas intervencións, a ferida parecía estar curada. Margarita Ledo, da executiva actual, e Euloxio Ruibal e Francisco Fernández Rei da anterior, foron os encargados dos discursos arredor de Vidal Bolaño. Amigos os tres do autor e director teatral, fixeron un percorrido pola traxectoria e polo perfil persoal do homenaxeado. “E ti dirás, a que vén todo isto?” comezou Margarita Ledo para lembrar aquel home que dicía “cousas certas” que lembra entrando nas redaccións composteláns de EL Ideal Gallego e A Nosa Terra para traer textos ou levar historias, como a do porco que convivía cun home, que Margarita recibira de Manuel María e Roberto convertera en “Cochos”. “Realismo dos efectos, realismo a ras do chan” dixo Ledo no seu discurso polo que agromou tamén o debate sobre o estado das artes escénicas. Outro dos elementos que non quedou alleo ao ano no que se celebra o principal nome do teatro contemporáneo.

Tamén home de teatro, amigo e compañeiro de Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal percorreu a obra do autor a través dos seus escenarios compostelán. A cidade como espazo dramático do autor de “As actas escuras” volveu de novo ao Teatro Principal da capital, no que tantas veces representou a súa obra e símbolo agora do marco no que se insire a traxectoria de quen creou o teatro profesional galego. 

O académico Francisco Fernández Rei comezou evocando a súa figura polas rúas da cidade e o seu enterro no que alguén deitou sobre o cadaleito dun nariz vermello e o libro Rastros. Fernández Rei fixo relación dos premios Roberto Vidal Bolaño que convocan as Redes Escarlata ás que pertence desde hai dez anos, algúns deles, segundo dixo, poderían ser personaxes da obra do autor, todas proposts de forza reivindicativa, como o máis recente concedido ao blog “De volta para Loureda” que reclama dereitos para os presos independentistas galegos.O académico perfilou unha intervención arredor da lingua da obra de Vidal Bolaño a través das súas obras.

Case dúas horas dun longo acto cunha carga académica para un publico que asistiu ao único plenario aberto da institución, fóra dos ingresos de novos membros, que sae do salón do edificio da coruñesa rúa Tabernas. No remate, aínda os milleiros de manifestantes escoitaban a Carlos Callón na Quintana, a poucos metros do Teatro Principal no que, a mesma hora da manifestación, a Academia tiña o seu acto solemne e institucional. 

Darío Xohán Cabana, Ramón Villares, Manuel González, Salvador García Bodaño, Xosé Neira Vilas, Vítor Freixanes, Luz Pozo, Euloxio Ruibal, Francisco Fernández Rei, Ferro Ruibal, Díaz Fierros, Ramón Lourenzo, Franco Grande, Bernardino Graña, Xosé Luis Regueira ademais de Margarita Ledo, Rosario Alvarez e o propio Xesús Alonso Montero, por vez primeira presidindo un plenario. Xustificou o presidente a ausencia de Andrés Torres Queiruga, en Italia, e Henrique Monteagudo, que se atopa en Bos Aires, razón pola que segundo o regulamento, foi o académico Xosé Luis Regueira -anterior secretario- o encargado de ler a acta na que se designou a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado para o Día das Letras Galegas do 2013.  

Comentarios