441 proxectos optan á sexta edición dos premios Martín Códax da música

Imaxe da presentación da sexta edición dos premios Martín Códax. Foto: cedida.

Case medio milleiro de proxectos musicais optan ás distincións Martín Códax outorgadas pola asociación Músicas ao Vivo. As finalistas nas 18 categorías dos premios -contando os Organistrum dedicados a salas, festivais e comunicación- saberanse o vindeiro 24 de abril.
 

“441 inscritos amosan o indiscutíbel potencial e diversidade musical de Galiza e afianza Músicas ao Vivo como a casa común das músicas e músicos galegos”, explica Sonia Lebedynski, presidenta da asociación.

 

No musical, o rock volve reinar: anotáronse 53 proxectos. En pop e indie e autora, 47. “Son boa mostra do excepcional momento que vive Galiza nestes estilos, con propostas de calidade internacional”, di a organización.

 

No galardón en folk e tradicional concursan 39 nomes, en músicas do mundo 33, en jazz 24, en infantil 23, en electrónica 21, en metal 19, en clásica outros tantos, 18 en blues e funk, 16 en reggae e ska, 14 en músicas urbanas, oito en coros e sete en músicas de verbena.

 

Destes candidatos saíran tres finalistas por categoría. É dicir, un total de 45 propostas chegarán á final. Ademais, haberá os tres premios Organistrum á mellor sala, o mellor festival e o mellor espazo de comunicación musical.

 

Entre o 18 de marzo e o 7 de abril, os socios e socias de Músicas ao Vivo votarán as finalistas. Un xurado de composicións secreta decidirá entre eles. A gala de entrega de premios da sexta edición dos Martín Códax será o 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.