Palabra do ano

2019, o ano do "sentidiño"

O Portal das Palabras acaba de facer pública a gañadora das votacións para a palabra do ano 2019: “sentidiño”.

"Sentidiño", palabra do ano 2019
photo_camera "Sentidiño", palabra do ano 2019

En total "sentidiño" acaparou o 51 % dos votos emitidos virtualmente a través da web do Portal das Palabras, converténdose na palabra do ano 2019. O termo escollido popularmente constitúe unha forma de noso de denominar o sentido común, un antídoto eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitan reflectirse nesta iniciativa que conecta a lingua coa actualidade.

Termómetro das preocupacións cidadás, a segunda palabra máis votada, con 20% do apoio, foi precisamente "feminicidio", nun ano no que as rúas se voltaron encher de voces contra a violencia de xénero. Con 15%, "narcosubmarino" quedou na terceira posición, apenas semanas despois de irromper na linguaxe cotiá da Galiza.

Seguíronlles, por esta orde, "quecemento global", "ecocidio" e "negociación", os outros termos que foran finalistas tras unha recollida de propostas entre o público, que deixou un regueiro de suxestións nas que a reivindicación da igualdade de xénero e da xestión sostible dos recursos naturais compartiu protagonismo coa actualidade política local e global.

Moito máis que un diminutivo

O termo que se impuxo aos outros cinco finalistas é moito máis ca un diminutivo, como destacan desde a plataforma vitual. O aspecto máis interesante do termo é precisamente que o papel do sufixo derivativo –iñonon outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de ‘calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala”, sinalan.

De feito, indican, “noso 'sentidiño' pode considerarse un sinónimo do 'sentido común', que o Dicionario define como 'bo xuízo' ou 'calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente'”. Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa "sentidiño" é "siso", “bo entendemento para falar ou actuar”.

De corrupción a deseucaliptización

Desde 2014, o Portal das Palabras promove esta iniciativa que resume o sentir popular do ano. Nas edicións anteriores gañaron "deseucaliptización" (2018), "afouteza" (2017), "irmandade" (2016) —cadrando co centenario das Irmandades da Fala—, "refuxiado/a" (2015) e "corrupción" (2014).

Comentarios