16 de decembro, de Álvaro Gago, levou o premio Áncora de Ouro á Mellor Curtametraxe, mentres Uganda, de Fernando Tato, revibiu a Áncora de Prata que outorga o público. O premio CREA á Mellor Dirección levouno Limbo, de Daniel Viqueira.
O premio ao mellor vídeo musical foi para De bruma e salitre, da banda Mileth, dirixido por Xaime Miranda. Homomaquia, de David Fidalgo Omil, foi a mellor curtametraxe animada.
A gala
A entrega de premios da quinta edición do Curtas Armadiña tivo lugar o domingo 17 de novembro, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. A gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa asistencia dunhas 150 persoas.
Alén dos premios monetarios, as persoas gañadoras recibiron trofeos deseñados por Cavalinho do demo. Desde a organización do Curtas Armadiña, que puxo o foco nesta quinta edición na creación galega, valoran «moi positivamente a participación no certame en todas as súas actividades».
O evento, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Armadiña, recibiu subvención por parte da Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio e contou coa colaboración de CREA, cervexas Meiga e Amásame Bakery Lab.