1343 obras de arte da Colección Novagalicia Banco no expediente para declaración de BIC

Un total de 1343 obras de arte forman parte da Colección Novagalicia Banco segundo a listaxe da Xunta, que publica hoxe no DOG o inicio de expediente para a súa declaración de Ben de Interese Cultural.

Faunalia, de Castelao
photo_camera Faunalia, de Castelao

O expediente administrativo incóase coa finalidade de “verificar oficialmente con criterios científicos, académicos e técnicos a recoñecida relevancia da colección” co fin de comprobar que ten uns valores culturais “que merecen o maior rango de protección”. De todas maneiras, a resolución determina “cautelarmente a aplicación inmediata e provisional” da protección prevista para bens xa declarados de interese. 

O  proceso é lento e os trámites polos que o expediente deberá pasar inícianse cun período de información pública que se prolonga durante un mes desde a data de publicación da incoación do expediente. A solicitude de consentimento dos autores vivos ou a petición de informes a órganos consultivos inclúense nunha tramitación que pode verse afectado polo destino da entidade financeira. 

Entre as 1343 obras que se recollen na listaxe da Xunta -que proceden da colección de Caixa Galicia- atópanse 175 asinadas por Castelao, 23 de Díaz Pardo, 15 de Tino Grandío, 14 de Francisco Leiro, 25 de Urbano Lugrís, 4 de Maruxa Mallo, 18 de Leopoldo Nóvoa, 7 de Colmeiro, 23 de Díaz Pardo, 9 de Granell, 113 de Antonio Murado, 28 de Laxeiro, 19 de Seoane ou 27 de Souto. Na valiosa colección atópanse tamén obras de autoría non galega como pezas de Dalí, Chillida, Chagal ou Gordillo. A colección incorpora tamén algunhas pezas da nova xeración de artistas da Galiza. 

A iniciativa da Xunta dáse despois do desenvolvemento dunha campaña social na que se demandaba a declaración de BIC da obra e a súa aprobación no Parlamento. 

No mesmo día que a Xunta inicia coa publicación no DOG da incoación da obra que pertencía á Colección de Caixa Galicia, o pleno de Vigo aprobou por unanimidade unha moción para que a de Caixanova -máis de 5.000 obras de arte- queden na cidade. 

Comentarios