Recollidas polo tecido social de Salvaterra

1.200 sinaturas en defensa das Covas de Dona Urraca

Asociacións culturais e partidos políticos da oposición veñen de recoller 1.200 sinaturas para manter a diversidade de usos das Covas de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño. O concello, gobernado polo PP, adoptou a decisiónn unilateral de as pechar para construír un museo dedicado ao viño. O espazo é empregado por numerosas persoas e agrupacións para actividades culturais e de lecer.
 

covas de dona urraca
photo_camera As Covas de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño. Foto: Concello de Salvaterra de Miño.

“Non nos opoñemos á construción do Museo do Viño”, sinalan desde a asociación cultural Lazoiro, impulsora da iniciativa, “pero defendemos que a súa construción nas covas carece de sentido”. E dino porque a escasos metros do lugar atópase a chamada Casa do Conde, restaurada hai anos para ese obxectivo e que permanece pechada e cada vez máis deteriorada.

O Concello de Salvaterra iniciou as obras nas Covas de Dona Urraca, tamén coñecidas como as Minas, o pasado setembro. “A musealización das Minas nace entre o secretismo e a falta de información”, engaden en Lazoiro. E cun orzamento de 600.000 euros que se suman aos máis de 240.000 procedentes dos fondos Feder e investidos na Casa do Conde. “Eran para o 'Museo-exposición Casa do Viño', que nunca se chegou a poñer en uso”.

Lazoiro denuncia que o concello nunca se puxo en contacto nin coa oposición -PSdeG e BNG- nin coas asociacións culturais da zona, que facían uso continuado das covas. Alí teñen lugar parte das actividades do histórico Festival de Poesía do Condado, por exemplo. Na recollida de sinaturas participaron socialistas, nacionalistas, Lazoiro e a Sociedade Deportiva do Condado.

Comentarios