"O Pazo das Musas", a revista oral da cultura galega chega ao seu número trinta


Achégase ao número trinta como revista oral convertida nunha das iniciativas culturais de referencia en Lugo e nunha das propostas máis orixinais vinculadas a un centro de arte galego. O Pazo das Musas do Museo de Lugo, coordinada por Antonio Reigosa, celebra a edición da trintena esta quinta 27 de setembro achegándose ao barroco coa estrea da orquestra Il Combattimento de Lugo.

 

Trinta números e oito anos é o balance da revista oral do Museo de Lugo, O Pazo das Musas. Neste tempo, a iniciativa que naceu no 2004 consolidouse como unha orixinal aposta por abrir o centro museístico e incorporar as outras artes ao seu patrimonio expositivo. O formato é único e singular. Segue os parámetros dunha revista en papel mais convértese no seu trasunto en versión oral. Conta con periodicidade fixa, cada tres meses, e artéllase en seccións a través dun sumario, con apartados fixos que se repiten de edición en edición e que tentan presentar o conxunto das artes.

Outra das coincidencias da revista oral do Museo cunha publicación periódica en papel é a fidelidade do seu público. “Unha porcentaxe importante son asistentes fieis a cada edición da revista” explica Antonio Reigosa, escritor e responsábel de comunicación do Museo Provincial de Lugo alén de coordinador de O Pazo das Musas.

“Naceu como maneira de dar cabida a outros coñecementos, outras artes ademais de facer partícipe á xente da actividade do Museo” explica Reigosa. En cada un dos números inclúense contidos arredor dos fondos do centro de arte de Lugo, en relación co tema escollido para o desenvolvemento da revista oral.

Cústalle ao coordinador escoller un número en especial. Van alá trinta, con carácter monográfico en que se revisaron distintas temáticas e ámbitos culturais. Con todo, postos a recoller un episodio que definise a filosofía da revista oral do Museo, a Reigosa vénselle á cabeza a figura de Jesús Amor, un asistente fiel de noventa anos que protagonizou hai tempo unha das edicións de O Pazo das Musas e pasou a tomar parte dos asiduos asistentes. Jesús Amor foi canteiro e traballou na rehabilitación do edificio que alberga o Museo de Lugo. A revista levou o tema a un dos seus números e produciuse un audiovisual arredor de Jesús Amor e a súa relación co Museo. Desde entón, asiste a todas as revistas, no mesmo edificio que el contribuíu a rehabilitar no ano 1957.
 

Estrea musical para o 30


A quinta 27 a revista chegará ao seu número 30 -elaborárase tamén un 0- cun número en que se achega ao barroco e onde se celebrará o primeiro concerto da orquestra Il Combattimento.

Dirixida polo profesor e músico Abraham Cupeiro -luthier e coleccionista tamén de instrumentos- Il Combat
timento está formada por doce músicos, maiormente de Lugo que presentarán un repertorio de música da época con instrumentos do barroco.

O “índice” da revista inclúe ademais dúas intervencións arredor da presenza do barroco na cidade e no Museo de Lugo a cargo de Fernando Arribas e María Quiroga. O poeta Isidro Novo lerá textos do período, en concreto de Martín Sarmiento e de autores portugueses, Francisco Rodrigues Lobo e Francisco M. de Melo.

“Cremos que é unha oportunidade única ver en directo instrumentos históricos, que, a priori nos poden parecer raros, peor que até hai ben pouco tempo, eran utilizados nas catedrais e colexiatas da provincia lucense” explica no programa Abraham Cupeiro. Anuncia que no concerto haberá cornettos, baixóns, traversos, violas de gamba, tiorbas, clavicémbalos, violíns entre outros instrumentos.

Antonio Reigosa, coordinador de O Pazo das Musas. Foto: Clara Reigosa. 

Comentarios