AUTOR DE 'OPERACIóN MONTE DE LIXO'

Xabier P. DoCampo : “Os xornais teñen que volver publicar literatura”

Sermos Galiza conta este verán cunha sinatura de luxo. O Caderno de Agosto publicará en cinco entregas, a primeira esta quinta feira, o sorprendente relato de Xabier P. DoCampo Operación monte de lixo, un thriller no que o autor se mergulla no mundo da corrupción. 

Xabier P. DoCampo
photo_camera Xabier P. DoCampo

-Que nos ofrece en “Operación monte de lixo” ? É unha lectura para o verán?

Non distingo literatura de verán, outono ou primavera porque iso daríalle unha sensación de lixeireza que non quixen que tivese a miña historia. Trátase dun relato en cinco capítulos que resolvín dunha forma que me gustaba, toda ela a través de diálogos para que a historia saíse a partir do que os propios personaxes din. Quixen facer un pequeno “thriller”da corrupción, coa contemporaneidade do tema aínda que o tratamento sexa clásico. Tratei un tema de actualidade, a corrupción, o monte de lixo que se mantén na nosa sociedade, e non digo na política que, ao meu ver, é unha actividade nobre na que hai seres innobres. 

"Quixen facer un pequeno “thriller”da corrupción, coa contemporaneidade do tema aínda que o tratamento sexa clásico". 

-Parte dunha cita da novela de Richard Ford, O xornalista deportivo, a historia dun desencanto. 

Digo que esa é a miña contribución á historia da literatura! Utilizo esa cita que ten continuidade na primeira frase da miña historia. Quen me puxo sobre a pista dela é ese grandísimo escritor que é Manuel Forcadela. A frase estaba no espírito do conto, encaixaba perfectamente. Podería tela utilizado como parte do conto mais pareceume pouco acaído, co cal optei por recoñecela como punto da partida e seguir o relato a continuación. 

-Esa historia da corrupción é algunha das tramas coñecidas?

Non me refiro a ninguén en concreto. Hai elementos sacados da prensa mais en sentido retranqueiro. O mal penetra na política mais pode entrar tamén en calquera ámbito, anda sempre por aí. 

-Vai sorprender o rexistro literario da obra?

Que sei eu!! Eu non invento nada. Hai un conto que admiro moito, escrito todo en diálogos que é “Os asasinos” de Hemingway. O sobretodo que levan vestidos dous dos personaxes están nese conto, poño por caso. Escribín un conto clásico dunha situación moderna. 

-E no que é a súa traxectoria literaria?

A tal altura, eu xa fixen de todo! Non creo que sorprenda. Teño até un conto pornográfico que anda por aí rodando. O que me interesa é facer unha aventura do feito de escribir, un reto de cada conto. 

-Diálogos e thriller apuntan a un conto moi cinematográfico...

Sinto amor polo thriller. A miña xeración somos fillos do cine. Agustín Fernández Paz e eu non hai día que non falemos de cine. Amo o cine e botei moitas horas da miña vida en salas escuras vendo películas. Este relato podería velo tamén en forma de cómic. Estaría encantado de que alguén se animara a facelo. 

-O seu relato sae nos xornais e bebe tamén das historias que aparecen nas noticias. Como é esa relación?

Hai unha retroalimentación entre a literatura e o xornalismo. A prensa é unha maneira de saber o que sucede no mundo, o material co que traballamos os escritores. A literatura ten elementos que non ten o xornalismo de noticias e, se é boa, axuda a comprender determinadas cousas. 

"Este relato podería ser un cómic. Encantaríame que alguén se animara a facelo". 

-Que papel pode cumprir a literatura nos xornais?

O relato curto é un dos monumentos da narrativa e está tremendamente relacionado coa publicación en xornais e revistas. En América Latina floreceu un relato curto xenial, con autores como Horacio Quiroga, Borges, Cortázar e tantos outros porque había moitas revistas que publicaban relatos. Tiña a ver tamén coas sociedades agrícolas nas que a oralidade tiña moita importancia. Na nosa literatura temos tamén obras xeniais de relato curto con autores como Fole ou Cunqueiro. Defendo que é preciso volver a publicar literatura en xornais e revistas. 

-Acurta a distancia entre literatura e xornalismo?

A relación entre literatura e xornalismo é unha relación íntima. Hai momentos en que os textos teñen máis relación coa noticia urxente e a propia premura non permite o tratamento da escrita mais, fóra diso, o xornalismo é literatura. Hai reportaxes marabillosas que se len como un bo conto. 

-O xornal permite tamén achegarse a públicos novos?

Tes garantido o cen por cen do público habitual, do que lería os teus libros, mais a maiores engádense outros lectores que non son compradores de libros. Fai chegar a literatura a un público que, en principio non estaba tan próximo e desenvolve un traballo didáctico extraordinario. O lector a través do relato na prensa ten que notar como a literatura o está axudando a ter unha percepción do mundo máis completa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios