#Sermos108: Gaza, un cárcere a ceo aberto

Máis un número do semanario en papel que sae do prelo. Desta volta, focamos a ollada no masacre de Gaza e trémosche poemas inéditos de Ánxel Fole. Xa podes facerte con el na nosa loxa.

 

O exército israelita repregou as súas tropas da Faixa de Gaza após decretarse unha tregua de 72 horas. A saída do exército sionista deixa 1.829 persoas asasinadas, 450.000 deslocadas e máis de 9.000 feridas. 

Neste número do Sermos Galiza tentamos explicar as razóns desta nova agresión, que vén a se sumar ás operacións militares desenvolvidas en 2008-09 e 2012-13. Aliás, debruzámonos nas razóns que levaron o goberno de Benjamin Netanyaju a lanzar máis unha ofensiva contra o territorio palestino. 

Tamén en Internacional, achegámonos até Catalunya onde están a preparar a Diada'14 para que contan xa con máis de 3.000 voluntari@s. 

Aliás, na 'Semana en Imaxes' repasamos algúns dos acontecementos ocorridos desde o último número do Sermos e debullamos algunhas das cuestións de maior actualidade como a decisión da Comisión europea pola que rexeita a construción do dique flotante en Ferrol. 

Nas páxinas de Galiza comentamos a sentenza do Tribunal Supremos a respeito da concesión de Ence na Ría de Pontevedra.

Sálvase Allariz da crise do comercio? En 'Comunidade Sermos' falamos con Olga Ferreiro, a xerente da Asociación de Comerciantes. Outro concello é o que visitamos na sección de Cultura, o de Mondariz Balneario que defende o seu patrimonio, os históricos xardíns, diante da ameaza da especulación. 

Publicamos poemas inéditos de Ánxel Fole 

O verán é tempo excepcional para a lectura e por iso o noso semanario ofrece un conxunto de textos que pagan ben a pena. En primeiro lugar, unha descuberta, dous inéditos de Ánxel Fole atopados no arquivo de Ben-Cho-Shey, dúas composicións satíricas dunha faceta pouco coñecida do autor. O primeiro discurso en galego de Murguía sorprenderanos pola súa contundencia e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Guillerme Vázquez asina un texto no que comenta un dos debuxos de Castelao. A triatleta  Aída Valiño fálanos na nosa contraportada. 

As catro mans de Babaluva na nosa sección infantil e o monte Alba como espazo para visitar neste tempo de sol son outras das nosas seccións que, coa axenda, os pasatempos e as críticas para un  Sermos Galiza tamén acaído para este agosto. Por non falar do noso Caderno de Agosto... Todo no número 108 porque Sermos Galiza tamén sae no verán.