A campaña #porminnonvaiquedar chama a se facer asinante do semanario Sermos Galiza

campaña

Manuel Rivas, María Reimóndez ou Federico Pérez apoian o proxecto xornalístico.

 

Facianas moi recoñecíbeis no noso país sumáronse á campaña #porminnonvaiquedar. Unha iniciativa impulsada por Sermos Galiza que visa dar a coñecer o proxecto e animar a cidadanía a se subscribir ao semanario en papel. 

Co gallo do Culturgal, Sermos Galiza puxo en andamento máis unha campaña de comunicación encamiñada a difundir o semanario en papel. Após máis de dous anos na rede e nos quiosques o proxecto xornalístico rodeouse de persoas ben coñecidas no país que animan --coa súa imaxe-- a se subscribir ao semanario en papel. 

A iniciativa, que leva por lema #porminnonvaiquedar empraza a comunidade leitora a se sumar á Comunidade Sermos e alongar o número de persoas que compoñen e apostan neste proxecto xornalístico crítico e centrado en Galiza. 

Porén, non só persoas famosas apoiaron Sermos Galiza no Culturgal; tamén ducias de persoas de menor proxección pública que len Sermos Galiza habitualmente. Todas elas quixeron respaldar e promover o único semanario impreso en lingua galega. 

E é que só através do compromiso que supón a subscrición Sermos Galiza pode consolidarse e afortalar a súa introdución social.Eis máis unha razón para se comprometer cun proxecto xornalístico que "como as abellas", apuntou David Ribas deseñador da campaña, "é preciso para que Galiza exista".