Olga Aguiar: “ A Academia percibiu a ilusión do centro para homenaxear a Díaz Castro”

Profesora de Filosofía, Olga Aguiar dirixe o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, o corazón das conmemoracións neste Ano Díaz Castro. Desde este centro de ensino público levan máis de dez anos promovendo, estudando e traballando arredor da figura do poeta a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. Aguiar coordenou o A Fondo de Sermos Galiza, disponíbel aquí, que conta cunha autoría especial: o propio alumnado. 

Olga Aguiar
photo_camera Olga Aguiar

-Son días de festa no centro, como conseguiron contaxiar ao alumnado o entusiasmo por Díaz Castro?

Pois facendo que vivenciaran o que significa homenaxear a un autor, aínda próximo no tempo, que foi veciño e que compartía o mesmo entorno que teñen agora. Trátase dun recoñecemento e tamén unha volta, unha recuperación. Deuse tamén a circunstancia de percibiron que o que facían tiña retorno. É dicir, o proceso viña sendo, emocionámonos, producimos e desde fóra créase interese polo que nós facemos. Son conscientes disto e participan na festa e, por outra banda, reciben eco do traballo no centro desde fora do seu ámbito. 

"O proceso viña sendo, emocionámonos, producimos e desde fóra créase interese polo que nós facemos"

-Desde hai dez anos, o IES de Guitiriz tivo como obxectivo o coñecemento e a difusión da obra e a vida do poeta. 

Detrás é imprescindíbel recoñecer o papel que xogou e xoga Alfonso Blanco, presidente da Asociación Xermolos e profesor do IES. Estivo sempre animando, mostrando o recoñecemento e o valor do autor e, aos poucos, nós iamos incorporando a Díaz Castro como proxecto educativo, interdisciplinar, e elemento a ter en conta en multitude de actividades. 

-Desas actividades, cales marcaron a relevancia que tomou o IES na promoción da obra de Díaz Castro?

En primeiro lugar, que o centro levase o seu nome. En segundo, a reedición de Nimbos auspiciada polo concello que trouxo exemplares á biblioteca escolar que nos foron moi válidos para coñecer a figura do autor e, arredor de 2006 fixemos unha exposición na que houbo posibilidade de manexar textos orixinais e obxectos personais que gardaba Alfonso Blanco que era ao tempo guía da mostra. Despois citaría outro momento fundamental que foi o traballo previo á celebración do centenario do seu nacemento. Levabamos xa anos sabendo o interese de dar a coñecer a súa dimensión mais de cara a esa data deuse a explosión coa produción do documental “A lus do mundo”. O alumnado traballou arreo, ensaiando poemas e cancións, facendo lecturas... e con todo iso precisabamos dar un paso adiante que foi a elaboración deste audiovisual. Logo tivemos a sorte de que fora seleccionado para autor do Día das Letras deste ano e Díaz Castro xa se converteu en proxecto educativo, canalizando todas as actividades que se desenvolvían en distintos departamentos. 

"O alumnado traballou arreo, ensaiando poemas e cancións, facendo lecturas... e con todo iso precisabamos dar un paso adiante que foi a elaboración deste audiovisual"

-Entre outras iniciativas, vostedes presentaron o audiovisual na Academia, coida que o seu entusiasmo contaxiouse no edificio da rúa Tabernas?

Fumos presentarlle “A lus do mundo” e puxemos en valor a capacidade e ilusión da comunidade educativa para crear e deseñar actividades sobre Díaz Castro no caso de que fora homenaxeado. Non sei cal foi o noso papel, o que si é certo que a nosa ilusión percibíase con claridade. 

-A partir de aí o alumnado tomou aínda maior protagonismo na conmemoración?

Tiñamos como punto de partida o entusiasmo do recoñecemento que tivera o audiovisual e a saída ás redes social, a distribución que eles mesmos fixeran, foi fundamental. Estaban onde querían, no soporte da imaxe, no son, nas redes. Vimos a necesidade de promocionalo e que eles foran protagonista. Foi doado, todo o mundo se volcou nas aulas e o alumnado respondeu marabillosamente. Para facer o Portal das Palabras, poño por caso, xa chegamos con todo rodado. Levabamos traballando desde anos en exposicións orais e agora tiñan motivo para falar de alguén que era moi importante. Contaban xa coas ferramentas para comunicar en público e iso funcionou. 

-Interesáronse por preguntarlle ás persoas de máis idade pola memoria viva de Díaz Castro? 

Para recrear os ambientes foron fundamentais as preguntas aos maiores e a implicación de avós e pais na romaxe que se montou. Hai outra liña interesante que foi o traballo arredor do vocabulario do poeta que xa non se usa ou non ten o mesmo significaron. Descubriron, poño por caso, como en Guitiriz había moitos loureiros e agora non existen pola palabra lobarga que é a flor do loureiro. Os rapaces non sabían diferenciar unha chousa dun prado, eran para eles a mesma cousa mais coñecían terras que aínda conservan ese nome porque alí había unha chousa. Nimbos é o libro dun autor maduro mais coa lingua e imaxes que tiña de neno, as emocións que se produciron na súa infancia no lugar do Vilariño. O alumnado ten ese entorno e esa lingua e queriamos que a puxeran en valor. Díaz Castro era un políglota e traducía once linguas aínda que coñecía bastantes máis. Esa universalidade desde a propia aldea como centro interesa aos máis pequenos. Os nosos nenos, por exemplo, van ser guías doutros nenos para que coñezan a aldea do Vilariño. Dámoslle á aldea o valor que ten, sen romanticismo, cos seus valores e as súas dificultades. Por iso criticamos que a Consellaría non veña honrar ao neno Pepe, que era un neno de aldea e tiña orgullo da súa procedencia. Gustaríanos 1que....... as autoridades  fosen quen de vir á aldea e homenaxear a ese neno que tamén era aldea, foran quen de pisar aquela mesma terra, onde está a súa casa. 

"Facer o A Fondo supuxo ter a oportunidade de seguir o proceso de elaboración dun xornal. As redaccións que facían en clase tiñan un motivo e iso evidenciaba a importancia de facelo ben"

-Estrean agora “Os camiños esquencidos”, unha obra de ficción sobre o poeta. Produciuse desde o propio centro?

Guión, gravación , realización, actores... toda a produción é do centro.Revisamos os últimos cen anos de historia, a do poeta, a da aldea e a da Galiza e buscamos recursos para recuperar o entorno e a ambientación a través dunha historia de ficción. Naceu no obradoiro de audiovisual ao longo de todo un ano. Acabouse de gravar en abril mais é resultado dun traballo continuado. O único que non fai o alumando é a montaxe, mais o resto é todo a maiores das horas de aulas. Aconteceu en todos os departamentos que fixeron traballos arredor de Díaz Castro. Por exemplo, no de fotografía, a través do CGAI, Vari Caramés desenvolveu un proxecto no que fotografaron ríos, bosques ou camiños que el describe e agora imos facer unha exposición. 

-Como di o neno que fixo na ficción do poeta no A Fondo, non queda ninguén sen coñecer os versos de Díaz Castro? 

En especial, os pequenos saben moitos de corrido. Houbo outra iniciativa que foi interesante neste sentido. Fixemos unha axenda para o centro na que intercalamos os poemas e para eles foi extraordinario porque os integran nas súas anotacións diarias. Como a vida mesma. Forma parte das propias aulas. 

-E que supuxo coordinar un A Fondo no que o alumnado ten a autoría?

O A Fondo axudounos a aprender e a traballar cun obxectivo que saía do propio centro. Como con outras iniciativas nas que temos colaborado con outras entidades externas, para nós é un orgullo que desde fóra haxa interese no que facemos. Un convite deste tipo supón aprender para un fin que ten trascendencia na vida real, cousas nas que, no ensaio, ás veces non se pensa. Facer o A Fondo supuxo ter a oportunidade de seguir o proceso de elaboración dun xornal. As redaccións que facían en clase tiñan un motivo e iso evidenciaba a importancia de facelo ben. Neste sentido, é unha maneira de implementar o que se aprende na vida, que non é sempre o que se aprende no ensino. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios