"Que as mulleres conten cun órgano en exclusiva para o pracer é un desafío para o patriarcado"

A sexóloga María Lameiras, coautora do exitoso O clítoris e os seus segredos, considera que a sexualidade feminina segue a ser aínda unha gran descoñecida. E por iso é que se animou a coordinar o vindeiro A Fondo, que sae publicado co semanario nesta quinta feira.

maría lameiras 2

-A sexualidade feminina é a gran descoñecida, mesmo para as propias mulleres?

-Si, eu penso que aínda está pendente o coñecemento, por parte da muller, do seu propio corpo, así como o recoñecemento social do pracer feminino. Non está lexitimado, ao mesmo nivel ca no home, o pracer na muller.

-E o descoñecemento do clítoris é, ao respecto, un bo exemplo…

-O clítoris é un órgano que non participa para na nada na reprodución. As mulleres contan cun órgano en exclusiva para ao pracer, o que non acontece no caso dos homes. Iso daríalle á muller un poder e unha superioridade que non se quixo recoñecer, aínda hoxe. Supón un desafío para o patriarcado.

-Segundo vostede, hai moitos tópicos errados o respecto da sexualidade feminina e masculina, como a insaciabilidade sexual masculina…

-A capacidade do home para que se desencadee o orgasmo está relacionada coa exaculación, e está condicionada fisioloxicamente. O home ten que pasar un período refractario, nalgúns casos case imperceptible, noutros non. No caso das mulleres, isto non é así. Mais non só interveñen condicionantes fisiolóxicos senón tamén aspectos cognitivos, sociais e de toma de decisións. As mulleres temos esa capacidade pero controlámola porque, na nosa sociedade, a expresión desa capacidade é mal vista. Fáisenos entender que darlle renda solta ao noso desexo é pasarse ao bando da muller prostituta, que non ten nada que ver, porque a prostitución non está ligada ao desexo sexual feminino, senón ao masculino. En cambio, no caso dos homes faise unha sobrestimulación da súa capacidade sexual.

-Cando che propuxemos a coordinación deste suplemento, que pensaches que non podía faltar?

-Non podía faltar falar do clítoris, como reivindicación e visibilización desa parte do corpo das mulleres. Aínda non é de abondo coñecida a anatomía do clítoris.

-No suplemento tamén se abordan novos conceptos en relación coa violencia de xénero,  como a "dating violence." Que é?

-Dating violence é a violencia de xénero nas primeiras citas. Até o de agora, pensábase que a violencia de xénero tiña que ver con persoas adultas que levaban tempo nunha relación. Pero nos últimos anos estase a ver que a violencia de xénero xa aparece nas primeiras citas, como amosa o caso de Nagore, unha rapaza, estudante de enfermería, que foi asasinada nos San Fermíns por un médico a primeira vez que saían xuntos. O caso de Nagore non foi identificado como violencia de xénero, pero si o era. Ademais, hai microagresións (meterse coa forma de vestir, con quen falas…) que invaden a intimidade nun proceso de asoballamento. É importantísimo o traballo para que as rapazas poidan detectar a violencia de xénero nestas manifestacións, e por iso cómpre traballalo dende os primeiros momentos.

-Outro dos artigos abordará o "sexting". Que se entende por "sexting"?

-O sexting é o intercambio de material erótico, como vídeos e fotografías, a través das novas tecnoloxías, cunha persoa que adoita ser aquela coa que nese momento teño unha relación. Faise dentro de un espazo de confianza pero, como as relacións non duran toda a vida, acaban por producirse chantaxes con ese material. E normalmente son as mulleres as que sofren esas consecuencias.

-No A Fondo desta semana analízanse, ademais, as formas de violencia contra aquelas persoas cunha sexualidade non heteronormativa.

-Malia aos avances, co movemento LGTB pasa o mesmo que co machismo para coas mulleres. A homofobia na súa parte máis hostil estase superando nas sociedades máis desenvolvidas (noutras significa cadea ou morte) pero mantense doutra forma un espazo non igualitario. O matiz máis importante ten que ver coas intersexualidades, as persoas que reivindican a súa identidade máis aló do binomio sexo-xénero. Ese é o desafío do século XX, avanzar cara ao recoñecemento de todas as identidades sexuais e de xénero, alén o binomio home-muller, construído socialmente.

-A filósofa Puri Mayobre é a persoa entrevistada neste suplemento. Por que se acudiu a ela?

-Puri Mayobre é filosofa e boa coñecedora das teorías feministas e dos avances e retrocesos na loita constante polo recoñecemento dos dereitos das mulleres como cidadás. Eu diría que aínda estamos loitando polos dereitos sexuais. Nuns días, este goberno pretende impor unha lei do aborto que nos retrotrae corenta anos atrás.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios