REI ROMEU, COORDENADOR DUN AFONDO SOBRE A OBRA DE BLANCO AMOR

"O A Fondo aborda as claves para entender mellor a novela e o filme"

Poida que, a partir de agora, sexa difícil percibir por separado A Esmorga como novela e como filme, porque ambas as dúas se reforzan.

manuel rei romeu 380

-Que te levou a animarte a coordenar un A Fondo sobre A Esmorga? A tarefa impoñía.

-(Risos) Eu veño facendo un seguimento dos filmes de Ignacio Vilar, tanto de Pradolongo como de Vilamor, e da súa maneira de construír un cine de noso, con esas campañas tan necesarias de promoción previa, e creo que debemos participar todas as persoas que queremos que haxa unha filmografía galega. Por outro lado, A Esmorga trátase dun dos clásicos máis relevantes da nosa literatura, e paréceme que os dous produtos saen moi reforzados desta experiencia. A película, dunha novela que é un clásico, e a novela dunha película que lle vai dar aínda máis proxección.

-Cal é o enfoque deste A Fondo?

-O que se pretendeu foi dar unhas claves básicas para mellor entender cal foi a motivación de Blanco Amor ao escribir esta novela, esa violencia interiorizada que quería purgar dalgunha maneira, relacionándoa cunha realidade social determinada. O A Fondo persegue determinar cales son esas claves para entendermos mellor o significado da novela e do filme. Ten os perigos de verse de maneira trivializada, como unha traxedia provocada por condutas desaforadas. Queremos contextualizar todo o que hai ao redor d´A Esmorga, que son moitas cousas, e hai algunhas máis importantes ca outras. Por iso Blanco Amor non se sentía satisfeito da versión La Parranda, levada ao cinema hai anos en castelán.

-Preténdese, polo tanto, ir alén os tópicos e as lecturas trivializadas…

-Claro, a propia novela editada por Galaxia, na capa das edicións que circularon durante moito tempo, aludía a esa idea de que era non máis ca unha novela picaresca, onde se reflectía o pobo trouleiro e o humor e pouco máis, e non creo que iso fose a intención de Blanco Amor.

"A Esmorga ten unha profundidade humana moi grande en canto a sentimentos, a tenrura,  a todo, e a película ten outras moitas outras cousas que complementan a novela."

-Que diferenza hai entre ler A Esmorga e ver A Esmorga?

-A Esmorga é un clásico, unha obra de arte, e como toda obra de arte ten moitas lecturas posíbeis, superficiais e máis profundas. Eu percibín algunha incomprensión sobre todo nos adolescentes que foron ver a película, e esas pequenas lagoas cóbrense moi ben lendo a novela. Aínda que eu entendo que a película é autosuficiente por si, non precisa máis texto. A Esmorga ten unha profundidade humana moi grande en canto a sentimentos, a tenrura,  a todo, e a película ten outras moitas outras cousas que complementan a novela. A partir de agora case concibo indisolublemente a novela e a película.  Recomendarei sempre ler A Esmorga e ver despois A Esmorga.

-Cando falas de adolescentes, imaxínome que te refires ao teu alumnado de instituto… Como reaccionou ante A Esmorga?

-Refírome a alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato. Seguramente teñan un hábito de ver películas de ton agradábeis, comedias fundamentalmente. Aquí recíbese unha realidade moi dura, tanto na novela coma na película,  o mundo dos oprimidos, e iso fai pensar. E moita xente non ve o cine nun produto artístico para pensar, senón para desconectar, función que tamén debe cumprir.

"Blanco Amor optou por converter a novela en algo universal. Iso fai que a novela sexa moito máis atractiva, porque todo o mundo pode ver seguramente reflectida a súa sexualidade ou as súas tendencias afectivas."

-Falas da profundidade das relacións humanas e iso tamén se aborda neste A Fondo. Un dos artigos, o de Paco Rodríguez, fala sobre todo dos problemas das identidades sexuais á marxe…

-Eu creo que Blanco Amor non actuou por capricho. Blanco Amor era moi consciente de estar elixindo tres individuos que, sendo galegos, representaban tres condutas, tres tipos de afectividades diferentes, con todas as súas problemáticas e con todos os seus medos por cuestións de represión social. El optaba por converter a novela en algo universal. Iso fai que a novela sexa moito máis atractiva para todo o mundo, porque todo o mundo pode ver seguramente reflectida a súa sexualidade ou as súas tendencias afectivas. Ignacio Vilar captou moi ben a mensaxe e fixo un esforzo moi grande á hora de reflectilo nas relacións dos tres personaxes entre si, e non debeu ser un labor de poucos días recoller todas as matizacións que poden ter relacións tan complicadas.

"Blanco Amor seguramente con esta nova A Esmorga se sentiría completamente satisfeito. Ignacio Vilar captou ben a idea de facer unha película interpretándonos dende dentro"

-Outro dos artigos deste A Fondo fálanos doos guións cinematográficos de Blanco Amor, e da primeira versión no cine de A Esmorga, La Parranda…. Coidas que esta nova versión axudaríalle a Blanco Amor a superar a frustración que sentiu con La Parranda?

-Eu creo que Blanco Amor seguramente con esta nova A Esmorga se sentiría completamente satisfeito. Ignacio Vilar captou ben a idea de facer unha película interpretándonos dende dentro, a nosa realidade social, os nosos problemas humanos, que poden ser moi universais, mais dende unha perspectiva galega. En La Parranda o que podía haber de galego desaparece. Nós temos unha potencialidade moi grande en moitas cousas, a empezar polos marcos especiais, pola filmografía, e iso na película de Ignacio Vilar aprovéitase moi ben. E pódese pensar que no futuro haberá máis proxectos deste tipo. Blanco Amor seguramente tiña a idea de que a súa película se realizaría algún día nas claves precisas que el entendía.

-Cal é a relación das persoas que colaboran neste A Fondo con A Esmorga?

-Considero relevante, en primeiro lugar, a escolma de colaboradores que temos neste A Fondo, tanto pola súa investigación a respecto de Blanco Amor como polo seu coñecemento de Blanco Amor  e pola difusión que se está facendo da súa obra no ámbito do ensino. Francisco Rodríguez coñeceu a Blanco Amor estando na cidade de Ourense, nos círculos nos que se movía, na Asociación Cultural Auriense. Realizou dende finais dos 70 unha investigación pormenorizada, detallada e en profundidade, alén o picaresco ou o trouleiro. De Pilar Gascón Rus resalta o seu estudo sobre a obra de Blanco Amor e a súa imaxe social. Luís Pérez está relacionado co estudo do teatro de Blanco Amor e dos guións cinematográficos. E nos casos de Xosé M. Millan Otero e meu, a parte de pequenos estudos, fixemos ese labor divulgador no ensino.

-Tamén se entrevistará neste A Fondo a María Xosé Queizán, que vén de presentar a novela A boneca de Blanco Amor.

-Paréceme unha figura moi importante dentro da literatura, unha figura feminina de relevancia, dende a súa pertenza á nova narrativa galega e a súa visión da muller, ineludíbel no noso panorama literario. Congratúlome de que participe neste A Fondo.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios