"A crise non pode coa BD galega porque está acostumada a sobrevivir sen cartos"

O desta semana é un A Fondo ilusionante, como un destes manxares que nos fan a boca auga mentres agardamos por el á mesa. Entrevistamos A Kiko da Silva, o seu coordenador, que vén de recibir o Premio Castelao por O inferno do debuxante.

Kiko da Silva 2
photo_camera Kiko da Silva

A Kiko da Silva non o puidemos coller nun momento máis ocupado: entre a fin de curso en "O Garaxe Hermético", a escola de banda deseñada que dirixe, e a concesión do premio Castelao pola súa obra O inferno do debuxante. Entrevistámolo para que nos adiantara algún dos contidos do suplemento pero deunos máis do que lle pediamos…

-Cando, dende Sermos Galiza, che propuxemos a coordinación deste A Fondo, que pensaches que non podía faltar?

-O fundamental era explicar que tiña pasado nos últimos anos, sobre todo dende finais do século XX a comezos do século XXI.

-Dese momento de eclosión, fálase precisamente no artigo co que Germam Hermida abre os contidos deste A Fondo…

-Para entender a banda deseñada galega actual é interesante saber como se deu o paso de sermos uns francotiradores a un sector organizado, á existencia de colectivos… Tamén pensei que sería interesante a visión de persoas como Miguelanxo Prado, que foi un dos estandartes, que non só fixo moito pola súa carreira profesional, como todo autor, senón pola banda deseñada galega.

-A Miguelanxo Prado dedícaselle unha das entrevistas do suplemento realizada polas persoas que realizan o "Metrópoles Delirantes", o primeiro programa de radio en galego sobre banda deseñada. Que che decidiu a incluílo como unha das persoas entrevistadas neste A Fondo?

-Miguelanxo sempre estivo aí para aconsellar os autores, para ir de xurado a algún certame, ou para axudar á hora de fomentar iniciativas como o Premio Castelao, ou o propio festival Viñetas dende o Atlántico. Viñetas puxo, no panorama español, a Galiza de referente, e permitiu que creadores galegos coñeceramos de primeira man o traballo de grandes autores internacionais, como Will Eisner. Ademais, atraeu editores que se fixaron en autores galegos e lles deron a posibilidade de publicar, e iso grazas a ser localizados nos fanzines que faciamos e que vendiamos en Viñetas. Foi o caso de Enma Ríos, que comezou no mundo dos fanzines coa xente de Polaquia e que agora está triunfando e foi nominada aos Eisner xunto con José Domingo este ano. E foi tamén o caso de David Rubín.

"A nosa xeración fixo algo que é moi importante dentro da BD galega: xerar asociacións de autores, editoriais…"

-… que foi entrevistado para este A Fondo por parte dunha gran afeccionada á banda deseñada, a escritora María Lado…

-David Rubín demostrou unha capacidade de traballo impresionante e coido que é unha das persoas que estivo máis presente estes últimos anos producindo obra persoal. Empezou nos fanzines, pasou polo banda deseñada independente, pola novela gráfica e agora está no mercado americano. Pode dar unha visión bastante ampla do que é a profesión. A parte, é unha das persoas máis destacadas dentro desta xeración de autores que comezaron no chamado "boom" da BD galega.

-Porén, as novas xeracións da BD galega, ás que o crítico Octavio Beares lle dedica outro dos artigos deste A Fondo, téñeno xa máis difícil, ou non?

-Nós tivémolo peor. Cando nós comezabamos, Internet aínda estaba en cueiros. Non había maneira de promocionarse de modo gratuíto. Os fanzines existían pero había que editalos e custaba cartos. Agora, hai outras maneiras de dar a coñecer o seu traballo. Si que é certo que, na actualidade, é máis difícil destacar entre todo o bombardeo de blogs, páxina web, Flickr… A nosa xeración fixo algo que é moi importante dentro da BD galega: xerar asociacións de autores, editoriais… Agora, hai lugares onde aprender a profesión e unha morea de concursos e festivais que facilitan o acceso e o recoñecemento por parte de editores e público. Antes, existía o premio de BD Ourense e nada máis. A crise está aí, pero non pode coa BD galega porque a BD galega está acostumada a sobrevivir sen cartos. Como nunca dependemos nin de subvencións nin de axudas públicas para existir, non sufrimos dunha maneira tan forte a crise como outros sectores culturais galegos.

-Nos últimos anos, ademais, houbo unha perda do apoio institucional que se xestara no goberno bipartito…

-No goberno bipartito apoiouse a BD cunha serie de partidas moi concretas, como por exemplo, a presenza no Salón do Cómic de Barcelona, no que tiñamos stand propio e conseguimos ser un dos países convidados. Creáronse as bolsas de banda deseñada, que logo despois desapareceron co goberno de Feijóo. Fixéronse moitas cousas, outras quedaron no tinteiro. Estanse gastando cartos en cousas inútiles, como a Cidade da Cultura, e con moi poucos cartos se podería conseguir fomentar e promocionar a BD galega dunha maneira moi ampla. Paréceme hipernecesario un programa de radio ou de televisión como o que propón a xente de Metrópoles Delirantes. Están facendo un labor moi bo, que permite visibilizar todo o que se está a crear en Galiza, que agora é moito.

-Un dos artigos deste A Fondo, o asinado por Suso Blanco Rosas, estará dedicado ao crowfunding. Por que consideraches importante abordar esta temática para o caso da BD galega?

-O crowfunding está de moda nestes momentos. Dentro da banda deseñada, houbo varios proxectos que conseguiron un sorprendente apoio e é, ademais, unha das saídas a nivel editorial neste mercado de crise. Paréceme interesante falar tanto dos pros, das cousas que funcionan, como dos contras, daquilo que pode facer que un crowfunding non chegue a bo porto. En Galiza, Carlos Portela e Sergi San Julián intentárono con A Conta Atrás e non saíu como eles esperaban, malia a que conseguiron bastante apoio. Apesar diso, tiveron a fortuna de ser galardoados co premio Divina Pastora e grazas a iso, a segunda parte de A Conta Atrás vai saír adiante. No eido estatal, Enrique Fernández conseguiu 50.000 euros de apoio para un proxecto de autoedición.

"Estanse gastando cartos en cousas inútiles, como a Cidade da Cultura, e con moi poucos cartos se podería conseguir fomentar e promocionar a BD galega dunha maneira moi ampla".

-Outra sorpresa deste A Fondo é a capa, que foi deseñada por ti como se fose a capa dunha historia de banda deseñada. Nela inclúes unha ilustración de O inferno do debuxante, a obra coa que ves de ser galardoado nos premios Castelao…

-Esta banda deseñada levaba seis anos gardada nun caixón. Este ano ocorréuseme unha idea para pechar a obra e decidín tela preparada para presentala ao Castelao. É positivo a existencia deste tipo de premios. Parecíame moi interesante facer unha obra fóra das canles comerciais habituais, un libro máis persoal e cun punto de experimentación. É un libro no que hai máis dunha estética, con plaxios de autores coñecidos, no que se fala da metalinguaxe na banda deseñada e de algo que acontece moi a miúdo pero do que non se adoita falar: a cantidade de ideas que acostumamos ter os autores que logo descubrimos que xa as tivo alguén ao mesmo tempo ca ti.

-A coordinación deste A fondo colleute nun momento para ti bastante ocupado, co fin de curso en "O Garaxe Hermético", a escola de banda deseñada que dirixes e da que falas noutro dos artigos do A Fondo…

-Para min é habitual. Forma parte da profesión estar atarefado con varias cousas á vez. É intenso pero recompensa ver que as cousas saen adiante, que o alumnado aprendeu bastante máis do que se esperaba a comezo de curso e que mesmo xa se pensa en cousas novas para o ano seguinte. O ano pasado fixemos un libro cos traballos dos alumnos e este ano faremos outro que estará para Viñetas desde o Atlántico, titulado A vila dos debuxantes do norte, no que participan case trinta alumnos. É un exercicio bastante complexo tanto a nivel gráfico como de guión, no que se entremesturan historias e personaxes dunhas historietas aparecen noutras. E a maiores estamos preparando un xornal de banda deseñada, un proxecto ao que lle levo dando voltas dende hai tempo e que sairá á luz en breve, no que participan os alumnos e os mestres da escola. É un xornal totalmente feito con banda deseñada. Amosamos así que a banda deseñada vale para informar e volvemos ás súas orixes, na prensa americana de 1900.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios