Outros catro anos

A xornada postelectoral é un día de moita intensidade: fin de campaña, sentimentos enfrontados, alegrías, decepcións...

Puidemos ver como nas eleccións europeas aumentaba considerablemente a participación, debido á súa coincidencia coas locais e pola grande mobilización do electorado a favor de Ana Miranda.

Ela, a nosa Ana, recoñecida por propios e alleos como a muller que máis traballa polas liberdades. A inimiga do neofascismo e a amiga das vítimas do Alvia. A amante das nosas rías e a defensora do sector pesqueiro galego. Madame Galice, como é alcumada en Europa.

Tamén vimos a razón pola que Galiza é sitio distinto. Houbo moitas vilas e cidades por España adiante que caeron nas mans tanto da extrema dereita como da derechita extrema, mentres que no noso país a dinámica electoral foi ben outra.

Puidemos ver moi preto daquí o triunfo doutra Ana, nesta ocasión apelidada Ermida Igrexas. Ela, nacionalista tamén, poderá ser a nova alcaldesa de Barreiros se populares e socialistas non pactan o contrario. Ningunha outra formación política foi quen de ilusionar tanto como o fixo o BNG barreirense tras a súa vitoria electoral.

Nestes últimos anos a política padeceu demasiados cambios: dispersión do centro-esquerda galego, aborrecemento dos partidos históricos, radicalización da dereita... Unhas situacións todas elas que son consecuencia directa da recesión económica, a escasa cultura democrática existente e o desencanto pola política en xeral.

Independentemente da ideoloxía do partido de turno, cando un equipo de goberno fai o seu traballo (descarto o adxectivo "ben” ao considerar que todo o mundo entra nun Concello para facelo así e non doutro xeito), é comprensible que o electorado elixa votar pola reelección de forma maioritaria. O que non se entende é que nun concello coma o noso, onde a xente se nos queixa amargamente e amosa un descontento sincero pola inacción do executivo municipal, se dean uns resultados favorables aos de sempre a pesar de ter unha alternativa seria diante.

Así e todo, o BNG non deixou de medrar en Xove nos últimos dez anos. Por iso creo que as formacións políticas deberan facer autocrítica en base aos resultados, si, mais o pobo tamén. Que queremos? Avanzar con paso firme ou reeditar unha e outra vez políticas de poste e pista? Que a oposición sexa un referente en toda A Mariña ou que o sexa o goberno?

Sen dúbida o formigón seduce entre os concellos con máis medios económicos. E aí aparecen os Favores (así, en maiúscula), aínda que realmente sexan Obrigas (así, en maiúscula tamén).


Por todo isto é complicado facer unha oposición real sen contar cun verdadeiro apoio da xente á hora de votar.

De que serve dar as queixas se despois nos deixamos comprar con falsas promesas? Cantos anos levan prometendo en Xove a mellora das estradas en época electoral? Cantas lexislaturas levan poñendo a desculpa da Deputación? (Sabemos que é competencia deles, mais hai que poñerse a negociar). Xa respondo eu sen hipocrisía: 12 anos. Nin máis nin menos.

Tamén hai cousas das que non me gustaría falar, pero faise necesario facelo. Estoume referindo á irrespectuosa carretaxe dos votos. Entre 1916 e 1918, Castelao escribiu nunha das súas recoñecidas estampas este diálogo:


«-Hai que acabar cos caciques de antes. -E cos de agora, se non lle parece mal.»

Os caciques modernos continúan sendo os peores inimigos da democracia e da boa política. Falo dende a experiencia persoal, do que vivimos nas mesas de todo o municipio o domingo 26 de maio ante a hipotética posibilidade dunha suba importante en votos do noso partido. Ese enfermizo control dun censo electoral do que se vixía todo. E cando digo todo, é absolutamente todo.

Presionan por teléfono ás persoas que lles "esqueceu" ir votar, aínda que a súa ausencia veña dada polo seu lexítimo dereito á abstención. Non sei en que grao se aplica aquí a famosa Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais. Incluso se insta a dar ese paseo da vergoña ata a mesa electoral a esa xentiña en cadeira de rodas que nin falar pode.

Seica todo vale en tempos de inseguridade electoral. Pero non é así. Mentres uns partidos practicamos o fair play, tratando o electorado con respecto, outros prefiren recorrer a técnicas que xa pensabamos superadas.

Dende aquí gustaríame facer un chamamento humilde á reflexión: que compensará máis a longo prazo? Unha política de formigón ou unha de futuro para as xeracións vindeiras?

Comezan outros catro anos de campaña.

Máis en Cartas
Comentarios