A Fundación Benito Losada renova o 'Outono fotográfico'

O evento fotográfico e as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense continuarán grazas a esta asociación que naceu coa intención de protexer as creacións do activista ourensán.
Exposición de Outono Fotográfico
photo_camera Exposición de 'Outono Fotográfico'

A creación da Fundación Benito Losada, un dos activistas culturais máis importantes dos últimos anos no noso país, xa colle forma. Despois de presentar a idea o pasado mes de outubro en Ourense, as persoas impulsoras do proxecto, moitas delas amigas e compañeiras do que fora director da Casa de Xuventude, presentaron os estatutos para a súa legalización e agora están na fase de procurar achegas económicas para realizar os seus dous grandes proxectos: o Outono Fotográfico e as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Estes días mantiveron reunións con varias administracións para acadar os 30.000 euros que precisan para realizar estas actividades.

Outono fotográfico
Benito Losada pensara, en 1982, que Galiza tiña necesidade dun evento que dignificara a fotografía no noso país desde a base. Apoiado pola Asociación Fotográfica Ourensá e a administración comezou unha andaina que chegou aos nosos días. Polo Outono Fotográfico pasaron máis de 3.000 fotograf@s, só nesta última edición foron máis de 500.

    Crearase un Outono Aberto, unha oferta renovada de cursos e un certame fotográfico.

A Fundación presentou xa unha serie de novidades que revitalizarán o evento. Para este ano crearase un Outono Aberto, unha sección dentro do Festival que conformarán as propostas de amantes da fotografía. Ademais na oferta formativa terán presentes non só a aquel@s apaixoad@s do medio senón a profesionais recoñecid@s. Outra das novidades son a creación dun premio fotográfico, abrirse a outras disciplinas artísticas e o intercambio con festivais doutros países como Portugal, Brasil e Arxentina.

Banda deseñada
A propia Fundación presentou tamén o que serían unhas Xornadas de Banda Deseñada nas que participarían Davíd Rubín, Brais Rodríguez, Lola Lorente, Jacobo Fernández e Miguel Cuba, ademais da publicación dun fanzine e a recuperación do Concurso de Banda Deseñada para Autor@s noveis.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios