Celeiro vibrará este sábado coa VII edición do Festival Arreaocabo


Herdeiros da Crus, Medomedá, Skarallaos Yuno e Back to 1984 compoñen o cartaz deste festival mariñán que vai xa pola súa sétima edición. Os concertos comezarán ás 21:00h e terán lugar na explanada de Lavandeiras.

Malia os recortes orzamentarios, a asociación Penalba - Colectivo Chilindrín, organiza máis un ano o festival rock Arreaocabo, mantendo o seu compromiso co pequeno porto mariñeiro de Celeiro. Entre as colaboracións económicos que contribúen co proxecto, atópanse a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia Primeira e o Concello de Viveiro, inda que os seus organizadores afirman buscar “o autofinanciamento”.

David Cotelo, coordinador de Arreaocabo 2012, salientou entre os obxectivos do festival, “contar coas mellores bandas” tanto dentro coma fóra do País, “apostando sempre pola multiculturalidade” mais reservando un “papel relevante para aquelas que fan música no noso idioma”. Arraocabo, procura asemade, que o festival sirva de lanzadeira a grupos nóveles.

Un festival con traxectoria e compromiso

Arreaocabo naceu en 2006 da man da Asociación Xuvenil e Cultural 'Colectivo Chilindrín', que conta cun importante apoio popular na vila. O seu presidente, Bernardo Fraga asegura que “o grupo de mozas e mozos que forman a nosa asociación está convertindo Celeiro, nun lugar de referencia na súa contorna”, pois entre as súas actividades tamén se atopan –para alén do festival, sardiñadas, Magostos, antroido, festas no nadal para nen@s, actividades para maiores, cursos de baile, aerobic ou pilates. Alén disto, conta co Grupo de Danzas e Gaitas “Nova Semente”, e na actualidade puxo de novo en marcha o “Clube de Remo Celeiro” que comezou de novo a súa actividade despois de máis de dez anos sen funcionamento.

Máis en Ao vivo
Comentarios