Ulex: "Que a xente se sinta identificada coas nosas cancións é mostra de que o estamos facendo ben"

Martinho Quintela, Xián Castro, Mónica Fuentes e Tomás Sánchez actuando con Ulex na Romaría das Flores. (Foto: Cedida)

Martinho Quintela e Xián Castro son dous dos catro compoñentes da banda compostelá Ulex. O grupo, formado en 2022, complétase con Mónica Fuentes e Tomás Sánchez e, nados entre 2006 e 2008, veñen pór banda sonora a toda unha xeración.

—Que aprendestes nos tres anos que levades tocando?

Martinho: Aprendemos moitísimas cousas. Cando comezamos non sabiamos literalmente nada, cada un sabía tocar un pouco o seu instrumento e pouco máis. Fomos aprendendo a base de paus. Co tempo comezamos a aprender como se facía un rider técnico, unha proba de son, como se xestiona un concerto, como se promociona... Tamén é certo que non estivemos sós, axudáronnos moitísimo, especialmente desde o Centro Xove da Almáciga, en Santiago. Pero, si, fomos aprendendo un pouco sobre a marcha.

—E se falamos da esencia, que é o que vos gustaría manter daqueles primeiros días tocando nun faiado?
Xián:
A esencia está en que seguimos facendo música para pasalo ben entre amigos. Iso non vai cambiar nunca, aínda que agora ensaiemos dunha forma un pouco máis profesional.

M.: A base é esa. Seguimos coa enerxía coa que empezamos, que é facer música porque nos encanta e pasalo ben.

—Tendes entre 17 e 19 anos. Como reacciona a xente cando descobre a vosa idade?
X.:
Sorpréndense un pouco. Mais aínda que sexamos novos queremos ser vistos como algo profesional, non queremos que nos tomen como unha cousa de nenos.

M.: Hai dúas reaccións. A boa é a da xente que se sorprende en plan guai. Hai moita xente que está na música que nos di que oxalá comezasen coa nosa idade e estar dando concertos no instituto. Ás veces si que hai ese rollo de tomarnos un pouco de coña por sermos rapaces, pero non por iso somos menos que calquera outro. Por sorte non tivemos moito problema con iso, pero tampouco imos deixar que nos tomen o pelo. Somos un proxecto serio, estamos intentando profesionalizarnos, temos un disco publicado... Non é un xogo.

—O voso rock atoleirado chega cada vez a máis xente e espazos. Algunha experiencia que hai tres anos nunca imaxinariades?
X.:
Moitas. Sobre todo de concertos, cumprimos varios soños. Este ano tocamos no Festigal, nas festas do barrio de San Pedro (Santiago)... Son concertos que queriamos facer nalgún momento das nosas vidas e chegaron antes do que pensabamos. Este verán foi de bastante movemento, tocando pola Galiza adiante, e estamos moi contentos con iso.

M.: Facer esta especie de xira e publicar un disco é bastante flipante. Eu especialmente mencionaría o do Festigal porque era unha meta tola que tiñamos ao comezar, mesmo de facermos brincadeiras con iso, e ao final conseguímolo. Foi chegar ao escenario e dicir: "Nunca pensei que o fose ver desde aquí, desde arriba". Ao final, para nós, que somos xente de Compostela, o Festigal é unha cita obrigatoria todos os anos desde que nacemos, e coas festas do barrio de San Pedro, igual. É todo flipante.

—Citades referentes como Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grande Amore, The Rapants, O Sonoro Maxín... Parte deses soños cumpridos sería coñecelos.
X.:
Obviamente. Ademais, sempre que cadramos con alguén da escena tratounos moi ben. Temos exemplos como Grande Amore, que tocou con nós nas festas de San Pedro; Ortiga, Mondra, DeNinghures ou Hevi, que ademais de gravar o noso disco e de facer que soe ben tamén veu connosco a algún concerto. Xa non é só coa xente coa que subimos ao mesmo escenario, senón toda a peña do panorama galego, toda xente moi humilde e que che fan sentir ese apoio. Para nós, que grupos que admiramos desde sempre nos dean ese feedback é un soño feito realidade.

—Nas vosas cancións falades da vosa maneira de ver a vida, sempre con letras moi directas coas que é sinxelo identificarse.
X.:
Supoño que queremos que transmitan amor e gana de pasalo ben. Ao final as letras falan sobre temas persoais, pero se a xente desfruta co que cantamos, mellor. Moita xente dinos que as letras son moi tristes, pero intentamos facelas amenas e tocalas dunha forma máis animada.

M.: É unha vitoria cando alguén nos di que se identifica con algunha canción. Para min iso é a mostra de que o estamos facendo ben, que a xente se sinta identificada e que sintan cousas ao escoitar a nosa música. Nós transmitimos o que sentimos, pero son temas bastante universais, sobre todo nestas idades.

—Nun dos vosos temas dicides algo así como que vos dá medo que algún día ninguén vos queira escoitar. Que supón para vós que cada vez haxa máis xente que si o faga?
X.:
Fainos moi felices. Isto, ademais de ser por nós, é pola xente.

M.: Ver que cada vez máis xente chega á nosa música é marabilloso. Facemos isto porque nos gusta e se ninguén nos escoitase posibelmente seguiriamos a facelo. Pero, por suposto, unha das sensacións máis guais do mundo é ver a xente nos concertos berrando a pleno pulmón.

Ulex, de perto

—Onde vos gustaría tocar?
Témolo claro. Na Sala Capitol.

—Con que artista quereriades colaborar?
Gustaríanos con Ortiga, facendo algo cumbierito.

—Algunha tradición antes de saír ao escenario?
Basicamente abrazámonos antes de saír, en plan, "podemos con todo e imos dar o máximo". Como tradición eu diría que sempre se nos esquece algo e decatámonos cando estamos a punto de subir ao escenario. Pero se pasa iso xa sabemos que vai ir ben o bolo.

—Algunha anécdota entre desprazamentos para chegar aos concertos?
Nós non, pero Tomás ten unha bastante importante. El o ano pasado estaba estudando en Salamanca e tiña que vir co coche, e nunha destas rompeulle na autoestrada e estivo a punto de non chegar. Así a ver como saía o disco... Pero chegou!

—Que canción recomendariades a alguén que queira coñecer a vosa música?
M.:
Eu diría Todo o mundo contra min ou Alquiler, das miñas favoritas do disco.

X.: A miña favorita é Lonxe de min.