Opinión

Vocación: ensinante

Lembro a cea da AELG do 26 de setembro de 2003 en que Memoria para Xoana de Marica Campo conseguía o premio ao mellor libro do ano 2002; reeditado hai pouco e dedicado a ti, Luísa Villalta, por todo o que lle aprendiches de violinos a Marica.

Conversáramos sobre o curso que nos agardaba e o que significaba ser ensinante, unha palabra relacionada con vocación. Un pouco distante do labor do profesor ou profesora fechado nunha materia e relacionado co aprobado dunha oposición. Confirmo o falado aquela noite, ensinante ten que ver con vocación no sentido de saírmos do libro do texto, hoxe habería que insistir en irmos máis alá da aplicación de Proens, soportar como se pode a burocracia que nos invade e continuar a botar horas en que o alumnado que está fóra do sistema tire para adiante, aínda máis, en que a lectura, a escrita, o debate reconquisten o espazo que lles pertence. Si, ensinante é unha palabra que relacionamos con misión pedagóxica, co deber de fomentar o sentido crítico, que cuestione o mundo e que nos cuestione. Iso era o que faciamos cando o que nos rodeaba entraba na aula, cando falabamos da paz contra a guerra, de todo o que significaba o Prestige, da situación de Palestina, de Nevenka e de Sandra de Toques. Todos estes temas son actuais, mais o futuro que nos pode regalar Altri non entra do mesmo xeito nas aulas que a marea do Prestige e a situación do Sáhara xa non é tema. Oxalá que o teu poema "Debilidade" se volva viral, por Palestina.

É útil o teu regreso ás aulas para lermos As chaves do tempo e falarmos do reino que perdemos, de Merlín e da Morgana do poema; para sabermos da túa opinión co Libro das colunas; para volvermos os ollos a Shakespeare e á cara oculta de Ofelia e á razón de ser de Hamlet; para aprendermos da relación da música e da poesía desde a ensinante que nos achegou Rosalía ou Blanco Amor coa música dentro do poema e que nos ilustrou a rota ao interior do ollo. Cómpre xogarmos cos teus Haikus e sonetos e saírmos dos libros, para batermos coa Cidade Alta e coa desaparición do Papagaio e comprobarmos como a lingua que somos vibra nos nomes que habitamos. Si, Luísa, de como levar a poesía e o teatro ás aulas, da necesaria lectura en voz alta, de fomentar a escrita, falamos naquela cea da AELG. Sigo insistindo: hai que lle perder o medo á poesía, levala ás aulas. Ti es unha boa compañeira, a ensinante con vocación, recoñecida como mestra, a persoa da que se reciben boas ensinanzas, como testemuña quen formou parte do teu alumnado. A A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada dedicouche o núm. 32 dos Cadernos de Estudos Locais de marzo do 2020 e as palabras dos teus alumnos Ruben Anido e Daniel Calvete, tamén compañeiro teu, demostran a túa influencia, mestra. Nun libro necesario en que doce voces te presentan con Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta, coordinado por M. Queixas e quen foi alumna túa, Montse Pena, que escribe da rebeldía que perseguías.

Leveite ás aulas do Porriño, ao IES Pino Manso onde estudei e ao Ribeira do Louro, onde me presentou Ainhoa de Mosende e falei na radio con Roi, Noa e Bilal. Foi un pracer volver compartir aulas, agora como ensinantes, con Paz Pereiro e Manoli Rodríguez, amigas de sempre, e levar a túa poesía ás súas aulas, a Materia de Alexandre Bóveda, da que formamos parte.

Comentarios