A compañía téxtil H&M atopou na Galiza unha oposición aos seus plans de fechamento de tres das súas oito tendas na que prima a unidade e o compañeirismo. A última folga en protesta polos plans da multinacional foi secundada por todo o persoal, que rexeita quer o Expediente de Regulación de Emprego (ERE), quer os cambios nas condicións de traballo noutras tendas.
Segundo a central sindical da CIG, o problema xa non é só o despedimento colectivo senón que non se acepte facer negociacións por territorios, de maneira que os sindicatos máis locais tamén poidan representar ás empregadas e empregados.
En calquera caso, no país non vén precisos os fechamentos de H&M e o cadro de persoal así o demostrou en concentracións en Vigo, Ourense e Narón, onde están previstas as despedidas. Igualmente, houbo mobilización en Lugo porque están en contra de que as condicións dos postos laborais muden.
No cuarto paro das operarias de Ourense e o segundo para o resto, púxose de relevo que “estes despedimentos e recortes laborais acontecen malia que varios dos centros galegos chegan aos obxectivos de rendibilidade marcados pola compañía”.
A representación sindical subliña que, ademais, no caso de Ourense a “tenda ocupa o terceiro lugar dos estabelecementos con maior rendibilidade, segundo datos internos da propia empresa” polo que non se comprende a decisión.
Indemnización ou cambio a outro posto
Polo de agora a normalidade só se mantería en Pontevedra e Compostela, porque nos negocios de Lugo, a Gran Vía de Vigo e o centro comercial Marineda City da Coruña haberá cambios.
Mais a CIG-Servizos reivindica que non pode haber despedimentos, que ten que existir unha oferta de recolocación nas tendas abertas e que, se non é posíbel, as e os traballadores reciban unha indemnización “de 45 días por 42 mensualidades”.
No seu discurso na defensa de negociar por territorios, o sindicato remarca que se despois do fechamento hai novas aperturas nun futuro nesas mesmas cidades afectadas o antigo cadro de persoal tería que ter “preferencia na contratación”. Ademais demanda que, se abre algunha tenda nas cidades onde houbo despedimentos, estas traballadoras teñan preferencia na contratación.