"Hoy en este centro de salud no hay médico". Unha mensaxe que, por habitual, non deixa de resultar sorprendente para as veciñas e veciños de diferentes vilas do país que sofren en primeira persoa a falta de recursos na atención primaria, unha das principais patas do sistema sanitario. Esta cuarta feira foi o ambulatorio de Covelo, na comarca da Paradanta, o que amenceu con esta advertencia.
E un paciente relata o sucedido: "Estou no centro de saúde sen poder conducir por unha dor no xeonllo que non me permite case camiñar. Indícanme que non haberá médico en Covelo até a segunda feira, que teño que desprazarme ao PAC de Ponteareas", lamenta.
Mais o centro de saúde de Ponteareas fica a uns 20 quilómetros de distancia do de Covelo, e esta persoa, mancada, afirma que non pode coller o vehículo. A solución que lle dan é que contacte co 061 para pedir unha ambulancia... mais o resultado, di, non foi o agardado.
"No 061 manifiestan que non van mobilizar unha ambulancia para desprazarme, que chame un taxi. Solución, que me busque a vida", censura este veciño.