A cuestión de confianza, unha posíbel “saída” á reflexión de Sánchez

ERC e Bildu xa mostraron a súa disposición para votar a favor

Pedro Sánchez, o pasado 19 de abril, en Bilbao. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, o pasado 19 de abril, en Bilbao. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

Grupos parlamentarios no Congreso español que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez apuntan á cuestión de confianza como a saída máis “recomendábel” ao período de reflexión que abriu o presidente español para decidir se segue ou non á fronte do Executivo estatal. Algúns, como ERC ou Bildu, suxiren a súa disposición para votar a favor.

Este mecanismo parlamentario está regulado no artigo 112 da Constitución española, que estabelece que o presidente do Goberno español, previa deliberación do Consello de Ministros e Ministras, pode expor ante o Congreso unha cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración de política xeral.

Segundo o Regulamento da Cámara baixa, a cuestión de confianza ten que presentarse mediante un escrito motivado ante a Mesa do Congreso e, unha vez que se admita, deberase convocar o Pleno para o seu debate, que será similar ao dunha investidura. Non se detallan prazos, pero dáse a entender que todo pode facerse en poucos días porque si se especifica que a votación non poderá realizarse nas primeiras 24 horas desde a presentación. A confianza entenderase outorgada cando obteña o voto da maioría simple dos deputados.

Nada máis coñecerse a carta de Pedro Sánchez abrindo ese paréntese de cinco días, o ex senador Pablo Gómez Perpinyà, deputado de Más Madrid, un dos partidos de Sumar, apuntou á opción de que o xefe do Executivo se someta a unha cuestión de confianza para fechar "a crise de lexitimidade" do Executivo español a conta da Lei de Amnistía".

O líder de Junts, o ex presidente catalán Carles Puigdemont, suxeriu igualmente que Sánchez, se a súa carta non é un simple "movemento táctico", "sempre pode presentar unha cuestión de confianza e aclarar todas as dúbidas". Iso si, non adiantou o seu voto, máis aló de recalcar que a súa formación non vai ser "un flotador do PSOE".

A vía más “sinxela”

E esta quinta feira foi o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, quen comentou que a solución "máis sinxela" á actual situación sería esa cuestión de confianza, e aconsellou non tardar moito en tomar a decisión. "Canto antes o fagamos todo, mellor", sinalou.

Ao seu xuízo, a opción de disolver as Cortes e convocar eleccións é máis complicada porque habería que esperar ao 30 de maio, xa que a Constitución impide pór fin á lexislatura antes do primeiro ano, e ademais celebrar a xornada electoral a finais de xullo. "Xa vivimos hai un ano as eleccións nesas condicións e foi moi complicado para todos", recoñeceu.

Aragonès non o ve “pertinente”

O presidente da Generalitat e candidato de ERC á reelección, Pere Aragonès, indicou que non ve "ningún sentido" a unha cuestión de confianza cando o problema de Pedro Sánchez non foi a perda de apoio dos seus socios de investidura, senón un tema alleo.

En todo caso, se chegase a presentarse, o portavoz de ERC no Congreso español, Gabriel Rufián, avanzou que a súa formación estaría disposta a apoiar Sánchez. "Nunca imos dar ás a unha causa fomentada polo fascismo", recalcou en declaracións na Cámara baixa.

Pola súa banda, o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, deu a entender que a súa formación votaría a continuidade de Pedro Sánchez, decida o que decida, porque "non vai abrir o paso á dereita". "Nós, non", salientou.

Igualmente, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, non quixo adiantar acontecementos sobre posíbeis saídas, pero si remarcou a súa aposta pola continuidade do Goberno de coalición como a "mellor" forma de combater ao PP.

Comentarios