ENTREVISTA

Lucía Rodríguez: "O traballo mental é básico nos deportes de raqueta"

Entre os nomes propios que máis darán que falar no panorama deportivo galego ao longo do próximo lustro brilla con luz propia o de Lucía Rodríguez (Salvaterra, 2004), quen a un ano do seu debut na categoría absoluta continúa rachando rexistros nos mellores torneos e xa soña, no futuro, cos Xogos Olímpicos. 
A do sur da Galiza podería herdar o trono de Carolina Marín. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A do sur da Galiza podería herdar o trono de Carolina Marín. (Foto: Nós Diario).

—Como na maioría dos casos, o seu primeiro contacto co deporte do bádminton chegou na etapa escolar. Que recordo garda da impresión que lle causou a disciplina naquel momento?
Para sen sincera, non lembro case nada (ri). Só que o pasaba moi ben, porque fixera fútbol ou taekwondo e non me gustaran, e co bádminton estaba sempre a voltas, como se ve nunhas cintas que gravou a miña nai cando era pequena.

—E cando comezou a tomalo como algo máis que un xogo?
Con 10 anos, aproximadamente. Naquela época aínda estaba no club e adestraba tres días á semana con Pablo Méndez. Por aquel entón Rafa Vázquez, que é quen leva o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, fixouse en min e mandábame de cando en cando pasar por alí os venres a adestrar con eles, e era outra cousa moi diferente, porque nas Neves faciamos exercicios e logo partidos, pero no CGTD era todo técnica e táctica, mais adapteime axiña porque a min todo o que sexa mellorar e cambiar cousas gústame moito.

—Entendo que ese salto ao CGTD supuxo un cambio radical tanto na súa forma de vida como na de ver o propio deporte...
Si. Ao ano seguinte, con 11-12 anos, pasei a ir case todos os días, tiña que levarme o meu pai polas tardes. Era algo moi diferente, moito máis en serio, porque antes o bádminton era como un pasatempo e desde ese momento tiña que pensar 100% do tempo no adestramento, o descanso e o traballo.

—A súa referencia, como a de case todas as rapazas da súa xeración, é Carolina Marín?
Por suposto. É un espello no que mirarse que dá esperanza e optimismo de saber que é posíbel competir e plantarlle cara ás rivais, especialmente ás asiáticas [Asia é a zona do planeta de onde adoitan proceder as mellores competidoras no bádminton].

Grazas a ela non o ves como un imposíbel, axudounos a todas e todos, non só ás mozas, senón tamén aos mozos. Todos tratamos de aprender do profesional que é, da súa técnica...

 —No pasado emitiu unhas declaracións nas que revelaba que non se limitaba a traballar o aspecto físico, técnico ou táctico, senón tamén o mental cun psicólogo, algo que cada vez máis deportistas das máis diferentes modalidades teñen reflectido nestas mesmas conversas en 'Nós Diario'. Que lle achega a vostede e por que considera que é importante?
Creo que nos deportes individuais, sobre todo nos de raqueta, é moi importante, porque non estás competindo só contra outra persoa, senón tamén contra ti mesma. Entón, non abonda con ser unha fóra de serie e ter unha gran cabeza, porque sempre hai malas xeiras de resultados, fallos... así que, para poder aproveitar ao máximo o traballo e os adestramentos é fundamental ter a cabeza ben preparada para saber que facer en cada momento. É do máis importante, a verdade.  

—Sobre a pista, como está sendo a adaptación á categoría absoluta?
A verdade é que agardaba por algo moito máis complicado, pero estou tendo moita sorte de que no grupo de dobres co que adestro no CAR (Centro de Alto Rendemento) de Madrid están facendo un moi bo traballo e melloramos moi rápido todos os seus membros, tamén grazas ás gañas que lle poñemos, intentando ser mellores en todo momento e animándonos mutuamente. No meu caso, que comecei a competir como absoluta en maio do ano pasado, pouco a pouco vou logrando mellores resultados en torneos grandes.

Historia viva do bádminton galego

Á súa curta idade, Lucía Rodríguez xa é historia viva do bádminton galego, pois en 2022 tornou na primeira persoa en ascender até o liderado do ránking mundial júnior no dobres feminino, logo de imporse no Campionato de Europa da categoría xunto á súa compañeira Nikol Carulla.

Ademais, a finais do pasado mes de marzo volveu derribar outra barreira, ao converterse na primeira galega -en compañía de Paula López- na categoría absoluta que alcanzou os cuartos de final dun Másters.

Cuestionada por se é consciente de estar facendo historia día a día, responde con inocencia que "en parte si, en parte non". "É xenial ver que vou mellorando e subindo chanzos, pero non lle dou moita importancia, pois unicamente estou centrada en mellorar o que aínda falta para achegarme máis aos obxectivos", explica a xogadora salvaterrense. 

Comentarios