VÍDEO | Así soa 'En fin, que más dá', o novo tema de De Ninghures
En fin, que máis dá, o novo sinxelo de De Ninghures, xa está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais. Trátase do cuarto e último avance de Feira, o LP que o grupo dará a coñecer ao vivo o 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A creación acompáñase dun videoclip que xa se pode ver na canle de Youtube da formación.
En fin, que máis dá, producido por Juan de Dios Martín e que conta co artista coruñés Xoel López nas guitarras, é un canto á amizade e á vida que se inspira tanto no Tishoumaren (tamén coñecido como Desert Blues) e no pobo nómada Tuareg como nunha muiñeira de Florencio López. Así, desta quenda, e nunha nova volta ao concepto da revisión da tradición desde a contemporaneidade, o grupo captura nunha peza o espírito do compañeirismo, a imaxe das estradas e dos camiños interminábeis, ou mesmo a maxia do instante.
De Ninghures propón un tema que, entre a ledicia e a melancolía, fía unha ruta na que as voces se mesturan entre harmonías envolventes. A música flúe para xerar unha atmosfera cálida e poderosa; mentres que as guitarras, tanto as gravadas por Xoel López como pola banda, dialogan coa esencia da percusión tradicional galega, o clarinete, o violín e a gaita. E deste modo, cunha lírica asinada pola formación, En fin, que máis dá ergue enerxicamente o espírito e os coros, cheos de forza e complicidade, convidan a cantar en comuñón.