'RosaLinda' é a primeira colaboración entre De Ninghures e Ortiga
Xa está dispoñíbel RosaLinda, a primeira colaboración que asinan dous dos proxectos musicais máis destacados da escena galega: De Ninghures e Ortiga. Da mixtión entre as raíñas das feiras e o rei das verbenas agroma esta peza bailábel e luminosa, na que o amor fía e reborda cada compás e que se presenta como a canción do verán que chega en setembro. No campo da festa conflúen os elementos máis recoñecíbeis das dúas bandas: o estilo de Ortiga e a organicidade dos instrumentos de De Ninghures -incluíndo algunha melodía tradicional- son parte dunha fermosa canción que se fecha cun pasodoble do gaiteiro santiagués Juan Bello Mallou e as palabras da súa compañeira, Mercedes Segade, falando do seu amor. RosaLinda, a creación de De Ninghures e Ortiga, conta tamén con este videoclip dirixido por Lorenzo Negueruela.