Mondra, Uxía e Malvela reinterpretan o clásico 'Pola rúa de San Pedro' con produción de Budiño

"Pola rúa de San Pedro" é unha composición de Magín Blanco creada para Malvela, que axiña se consolidou como unha canción de rúa, de comunidade e de celebración. Hoxe volve soar cunha reinterpretación que suma as voces de Uxía e Mondra, e unha produción contemporánea a cargo de Budiño, mantendo intacto o espírito popular do orixinal.

A nova versión non é só unha actualización estética: é a reafirmación dunha peza que naceu para ser compartida e que segue viva ao tender pontes entre tradición e linguaxes actuais. Os artistas salientan que o proxecto reivindica "a música como espazo de colectividade, como lugar para o encontro entre persoas de calquera idade e procedencia", unha idea que atravesa tanto o arranxo musical como o audiovisual.

O videoclip foi gravado na histórica rúa de San Pedro, porta de entrada á cidade para milleiros de peregrinos e barrio de fonda resistencia comunitaria. As escenas —xanelas que se abren, voces que se suman desde as casas, persoas que se atopan na rúa— funcionan como metáfora dunha Compostela viva, diversa e acolledora, tamén recoñecida como berce e refuxio da comunidade LGBTI+.

A narrativa visual parte dun encontro entre Uxía e Mondra ao que se van incorporando veciños, veciñas, comerciantes e músicos mentres avanzan pola rúa, nun crescendo festivo que culmina coa participación coral. Cómpre destacar a presenza de Daniela de Miguel, de oito anos, a máis nova incorporación de Malvela, que simboliza o relevo xeracional e a continuidade dunha tradición que se renova sen perder raíces.

En conxunto, esta nova lectura de "Pola rúa de San Pedro" convértese nun canto ao barrio como espazo de coidado e pertenza, e á música como refuxio.