O himno de Marta

Se existise unha primeira división de himnos, na que por sobrados méritos xogaría o himno galego, coido que o himno español tería problemas para contratar un adestrador que o mantivese na primeira división.

 

Aprendín o himno galego, as dúas primeiras estrofas, da man da miña avoa materna nun afastado 1972. Contábame que Franco se emocionara, xa vello, cando o escoitara no Pazo dos Deportes da Coruña. Eu quedei abraiado con apenas 8 anos, de que Franco chorase por unha canción en galego. Pasados os anos cavilei e desbotei a idea desa lenda urbana dun Franco emocionado polo himno galego… pero pasados outros anos penso que Franco si se emocionou, pero tamén pensei que a emoción sería igual se lle cantasen a Rianxeira ou Catro vellos mariñeiros… cousas da idade espidas de calquera sentido identitario.

 

Aparece agora o himno de Marta de España que, enfrontándoo co galego, é tanto como Marta saíndo da ducha, secando o pelo e poñendo caras e beizos siliconados mentres do seu maxín saen cores «rojas y gualdas».

 

A xente está encantadísima con ese himno, e se cadra o peor, é que se senten identificados con Marta e coas súas letras. O eurodeputado do Partido Popular Esteban González Pons non sae da súa felicidade e propuxo a partir do «Efecto multiplicador patriótico-nacionalista-español Marta Sánchez» que, emulando a Super Bowl estadounidense, na Copa do Rei se cantase o himno español de Marta tal coma ela o canta (como Marilyn Monroe a Kennedy polo seu aniversario).

 

Eu proporía que mandasen directamente a Marta Sánchez a Estados Unidos cantar o himno sen letra-con letra español. Nesa liga da que tanto gustan e coa que tan identificados están, se cadra, gañan algo.