10 anos sen Mubarak (e II)

Mais ao mesmo tempo que se producen grandes celebracións na praza Tahrir, decenas de milleiros de persoas erguen campamentos no Cairo para protestar contra o golpe militar, até que o 14 de agosto as forzas de seguridade atacan os campamentos das prazas al-Nahda e Rabaa onde máis dun milleiro de manifestantes son asasinados “na peor matanza na historia moderna de Exipto” (HRW). Un ataque premeditado e intencionado segundo as organizacións de dereitos humanos.

En setembro de 2013 os Irmáns Musulmáns son prohibidos e posteriormente declarados “organización terrorista”. Morsi, quen permaneceu en illamento e negadas tanto as visitas do seu avogado e familia como tratamento médico até a súa morte en 2019, foi condenado a dúas cadeas perpetuas e sentenciado a morte en 2015, mais anulada pouco despois á espera de repetición do xuízo.

Tras o golpe, as mobilizacións en apoio de Morsi e el-Sisi son numerosas, mais tamén as de quen continuaban esixindo “Pan, liberdade e xustiza social”, aínda que só as favorábeis a el-Sisi poden facelo pacificamente, polo que seguen producíndose decenas de mortes e centos de arrestos.

O 26 de marzo de 2014 el-Sisi renuncia ao Exército para aspirar á Presidencia de Exipto nas eleccións de maio, das que sae vencedor co 97% dos votos, tras liquidar previamente a todos os seus opoñentes, e en 2018 acada outros catro anos no poder tras obter a mesma porcentaxe noutra comedia de eleccións.

Malia o golpe de estado, a represión e a limitación de dereitos humanos, a maioría das potencias mundiais acollen a el-Sisi como novo líder de Exipto. A chegada ao poder de quen fora Director da Intelixencia Nacional desde 2010 e parte da xerarquía militar (CSFA) baixo o goberno de Mubarak, dá nacemento a un forte estado militar represivo no que a discrepancia é criminalizada.

Tras 8 anos no cargo Exipto é hoxe un país máis pobre que en 2013, cunha economía ao bordo do colapso, en mans do FMI, que a cambio de préstamos esixe a adopción de medidas moi duras. As privatizacións masivas, o aumento de impostos, a redución de subsidios, a crecente inflación e a suba dos prezos do pan, auga, electricidade, gas natural e transporte provocaron un aumento da pobreza (32,5% en 2018). E a crise do coronavirus engade maiores dificultades á feble economía exipcia.

Esta nefasta situación vén provocando un crecente malestar social, ao que el-Sisi resposta cunha represión que nada ten que envexar á de Mubarak. En Exipto hai 65.000 opositores encarcerados e Amnistía Internacional (AI) asegura que “as autoridades en Exipto practicaron a tortura, as desaparicións forzosas de centenares de persoas e decenas foron executadas extraxudicialmente". Mentres as ONG denuncian as trabas a súa actividade, críticos do Goberno, manifestantes pacíficos, xornalistas e defensores dos dereitos humanos son acosados, arrestados e centos condenados a morte ou a cadea perpetua en xuízos farsa.

Por outra banda, el-Sisi está moi lonxe de rematar coa crítica situación de seguridade provocada pola insurxencia islamista, nun conflito sen visos de solución que desde 2018 deixou arredor de 1300 mortos, e no ámbito internacional Exipto ve minguar o papel que xogou durante décadas como principal axente mediador entre Israel e o mundo árabe e a súa influencia política afúndense. 

Malia todo, el-Sisi, “o meu ditador favorito” en palabras de Donald Trump, conta co apoio de Occidente, Israel, Arabia Saudita e os EAU. Exipto é un país moi importante xeopoliticamente como para arriscarse a que a democracia funcione e as urnas lle dean o poder aos Irmáns Musulmáns.

Para moitos exipcios a caída da Mubarak, que permaneceu encarcerado até a súa morte con 91 anos e xulgado por corrupción, abuso de poder e a morte de centos de manifestantes nas protestas de 2011, trouxo esperanza e promesas de mudanzas. Mais o pobo exipcio non acadou nin o progreso nin a liberdade prometidas, nin a fin da corrupción, e outro home forte fíxose co poder. Mubarak foise mais o seu legado perdura.