A democracia informal

O Estado español está a mostrar o seu rosto real no desenvolvimento do conflito político de Catalunya. Caeron todas as carautas. Non hai ningún disimulo. Un poder autocrático, trufado de inequívocos residuos franquistas, que se percibe a si propio como un Leviatán totalitario que non admite ningún contrapeso, ningunha limitación.

 

A situación é esta: Carles Puigdemont é un cidadán en plenitude de direitos cívicos e, alén do máis, é un parlamentar eleito. A súa candidatación nas listas eleitorais o 21D non foi impugnada por ningúen, sendo que era plenamente lexítima. Éo tamén a resolución de Roger Torrent de 22 de xaneiro en virtude da cal o político de Girona é proposto como candidato á president. É el e non Inés Arrimadas quen reúne máis apoios na cámara. Non se pode alegar descoñecimento por parte do eleitorado catalán: todo o mundo sabía o 21D que Puigdemont sería proposto á presidencia se o soberanismo, como así foi, fose quen de reunir no mínimo 68 escanos.

 

O imperio da lei non existe para estes imperialistas fracasados, que diría Castelao. Nada os ata nen detén

 

Mais a lexitimidade democrática non asusta nen contén o Leviatán español. O imperio da lei non existe para estes imperialistas fracasados, que diría Castelao. Nada os ata nen detén.  Na súa determinación despótica apresentaron un recurso de inconstitucionalidade contra a candidatura de Puigdemont mesmo cun ditame desfavorábel do Consello de Estado. Non contentos con iso, submeteron a unha presión abafante o Tribunal Constitucional até conseguir que esta instancia xudicial perpetrase unha resolución monstruosa do ponto de vista xurídico, ao ditar medidas cautelares que ninguén lle demandou no mesmo auto en que adiaba a admisión a trámite do recurso da Moncloa. O TC é un órgao previsto constitucionalmente para garantir os direitos fundamentais das cidadás e dos cidadáns. Pois ben, na autocracia española virou nun órgao sancionador -rareza mundial- e conculcador precisamente das faculdades que asisten ás persoas, neste caso o direito de participación política de Puigdemont.

 

Arguméntase que Puigdemont está fuxido da xustiza. Ben, Puigdemont está en Bruxelas. Foi alí legalmente. Se estivese fuxido da xustiza, o Estado ten armas xurídicas para pór fin a esa situación. Chámase euro-orde. Ben, após ser instada pola xuíz Carme Lamela, o maxistrado do Supremo Pablo Llarena acabouna retirando, consciente de que xuridicamente a causa contra o líder de JxCat  por rebelión e sedición non é defendíbel nen perante unha corte belga nen perante un tribunal dinamarqués. Puigdemont ten por tanto, no mínimo os mesmos direitos políticos que Junqueras, Forn e Sànchez, estes encarcerados en Estremera e identicamente inocentes, pois aínda non foron xulgados e só están na cadea, prisión provisoria, por unha incomprensíbel decisión xudicial.

 

Fixo ben Puigdemont ao demandar o amparo de Roger Torrent e fixo ben este ao pospor o pleno desta terza feira. A partir daquí calquera cousa pode acontecer porque o outro actor do conflito, o Estado español, está totalmente entregado ao irracionalismo. É tal a súa cegueira que a súa reacción pode resultar en calquera cenario, mesmo nun agravamento da situación vía a prórroga, en versión aínda máis dura, do 155.

 

Non é nada formal a democracia española.