Negacionismos e negacionistas

“Mais aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal, resistindo a violencia de mans desas serpes e cans que nos queren calar”, Sés (A Coruña, 1982), “Tempestades de Sal”.

Levamos un ano de pesadelo como consecuencia da Pandemia da Covid-19. Neste tempo, sucederon moitas cousas, entre elas 21700.000 mortes no mundo, 80.000 no Estado español e 2.300 na Galiza. Infectadas 118 millóns de persoas. O 45% das mortes foron en Residencias de Maiores (verdadeiras “ratoneiras” para a xente interna nestes centros, case todas en mans de entidades privadas, fondos voitre e Igrexa. E seguimos padecendo unha enfermidade moi perigosa, que a medicina baseada na evidencia pon de manifesto día a día, sabemos moito máis dela e que é moi difícil de rebater con teorías conspiranoicas, moitas veces afastadas da realidade.

O negacionismo fai unha distorsión ilexítima do rexistro histórico para provocar que o que o promove se beneficie con teorías máis favorables ou desfavorables, con respecto á evidencia. En principio, tiña como principal tema o holocausto dos nazis, logo o cambio climático e agora a pandemia da Covid-19. Compleméntao a propaganda que apela ás emocións para promover un punto de vista diferente ao da evidencia científica. Na mesma liña, o revisionismo histórico, a guerra da información, a disonancia gognitiva, as fake news, o dobrepensar etc.

Entendemos por negacionista cando as persoas elixen negar a realidade para evadir unha verdade incómoda. Segundo Paul O'Shea é “o rexeitamento a aceptar unha realidade empiricamente verificable. É, en esencia, un acto irracional que retén a validación dunha experiencia ou evidencia históricas".

En inglés, denialism (negacionismo), dende o punto de vista da psicoloxía do comportamento humano, é “a elección que ten unha persoa para negar a realidade como un xeito de evitar unha verdade psicoloxicamente incómoda”.

Temos negacionistas moi “famosos”, que deixan pegada, sobre todo, na xente moza. Miguel Bosé, Alaska, Ouka Leele, Andrea Bocelli, Ana Arias, Donald Trump ou Jair Bolsonaro son algúns ou algunhas das que dubidan da veracidade da pandemia e alentan teorías conspirativas que por desgraza están traendo moi malas consecuencias, á parte de irresponsabilidade. Non entendemos como as fiscalías dos países non actúan con toda a contundencia da que son capaces e que lles permite a lei para evitar este desastre de proporcións épicas.

Pero temos outra xente: Toni Braxton, Robert de Niro, Lisa Bonet, Miranda Makaroff, Alicia Silverstone, Rob Schneider, Jim Carrey, Novak Djokovic... que tamén poñen en dúbida a efectividade das vacinas. O mal do negacionismo corríxese lendo!

As persoas negacionistas non son un grupo uniforme. Non é o mesmo unha nai que rexeita as vacinas para as e os seus fillos que alguén que conscientemente difunde esa información manipulada por motivos ideolóxicos ou doutro tipo.

O negacionismo é desinformación. Son as fake news coas que moita xente está interesada en difundir e “captar” personaxes para a súa causa.

Evidentemente, estas accións teñen repercusións, incluso con mortes por acción ou por omisión da realidade científica. Se nos fixamos nos grandes medios de comunicación, canta máis información dan... máis desinformada está a xente!

O negacionismo conspiranoico ten que ser rebatido coa evidencia científica, aínda que pensemos que é de perogrullo o que nós sabemos que é real, e que é unha solemne parvada o que se está rebatendo de forma contraria á realidade; e esta non pode ser posta en dúbida polas persoas que teñen a capacidade de velar pola verdade e, así, temos que saber explicala da forma máis racional se cabe, para que as e os que non cren na realidade científica, non busquen os réditos sociais, políticos e económicos que leva consigo ter persoas adeptas a unha causa non real.

Na nosa man está ter a capacidade de dar explicacións veraces e nas mans dos gobernos a de ser líderes de opinión coa verdade científica, explicada de forma que a xente se sinta segura.