“A luz resucitada” de Manuel María
Felizmente volve a iluminarnos a potentísima luz do candil de Manuel María, que resucita coa paixón iluminada, para recoñecernos no noso propio ámbito galego. Poemas plenos de dádivas de sustento para o noso espírito cívico e patriótico, que fican en ático lugar, con toda “A luz resucitada”, nunha innovadora edición esclarecedora dun proxecto poético que define unha longa durada no que se manifesta todo ese esforzo que define a longa permanencia do seu amor matricial que, como espiral envolvente, nos respiros dun extraordinario renacer, proclámase a luz verdadeira da Galiza. Aquela luz oculta e silenciada á forza. Mais tivo seus respiros na plenaria liberdade de Manuel María.
“A luz resucitada”, en destaque de memorando, da sobresaínte publicación da Casa – Museo Manuel María / Fundación Manuel María de Estudos Galegos (2025). Un pulsar de conceptos e saberes que compendia unha das máis interesantes versións escolmadas da poesía do poeta chairego; poemas proclamados e acollidos baixo unha interesante escolla de outros poemarios que se integran no título xeral. Moi precisa ao que Manuel matizou e economizou, con respecto a ese enfático pudor creativo que o asistía. Estes valores os podemos constatar nos catro apartados do libro: “Nacemento”, “Tránsito”, “Morte” e “Resurrección”. A publicación está tutelada, por un verso de Francis Jammes, seu poeta de devoción:
A aventura dun poeta inspirado polo amor comeza polo asombro ante a natureza.
Confírmase nesta publicación o “asombro ante a natureza”, no poderío das fotografías de Manuel Lemos. Un fértil fotógrafo, captador de espazos naturais que os eleva a un ático escenario de esplendores naturalizados nos que recrea esas especies botánicas, nesa modalidade de imaxes, que emiten ovaciónante beleza e preponderancia neses relampos de luz que acaparan as nosas retinas. As fotografías de Manuel Lemos e os poemas de Manuel María teñen unha interrelación positiva, no descubrimento dun diálogo nupcial entre o verso e a imaxe, para durar “mil primaveras máis”. Nesta dirección cara o intemporal, confírmase Manuel Lemos. Polo que el mesmo di, no seu texto de abertura deste libro: “Verso e fotografía, imaxes e palabras van conformando as miñas ideas e sentimentos, que dalgún xeito flúe de ida e volta, a tomaren forma e sentido”.
Outro dos textos sobresaíntes dedicados a esta publicación, como opinión necesaria, é a de Pilar Pallarés, tan puntual nas benquerenzas literarias de Manuel María. Pilar é unha das grandes voces da poesía galega e, tamén, analista e crítica da nosa literatura. Nesta publicación aporta un interesante texto, no que entra nas entretelas dos expoñentes poemas do poeta de Outeiro de Rei, nunha esclarecedora análise sobre os vencellos coa terra, na súa raiceira telúrica que Manuel asumiu, xustamente coa enfática paisaxe que Pilar Pallarés pon e destaque a diversificación máis concreta e vital da poesía de Manuel María, na sensibilidade emocional que sentimos os galegos fronte da natureza do noso norte profundo. Polo que Pallarés reitera no seu texto: “Non nos achamos diante dunha natureza enxergada dunha maneira abstracta, senón viva, pormenorizada, aprehendida nos seus seres máis miúdos, pertenzan estes á flora, á fauna ou aos lugares amados”.
No que respecta ao fío condutor que abastece de proxeccións a esa longa itinerancia, marcada por Manuel María e suxerida pola opinión autorizada de Alberte Ansede, unha das persoas en destaque que aglutina tantas secuencias e sabenzas da vida e da obra Manuel; coidador do legado e da memoria do noso bate. Por iso non debemos perder o fío condutor, que persiste na proclama do vello e incisivo camiñante que tripou nación, para naturalizarnos nela. Tal como Ansede o manifesta: “Unha desas temáticas que transitou o noso poeta é a relación do ser humano coa natureza e coa paisaxe, que xa está presente nos inicios da súa dilatada traxectoria poética, que nunca abandonou”.
Desculpa Alberte Ansede, por cometer plaxio ao teu texto de despedida, tan atractivo e afervoado, que non puiden resistir a facer latrocinio do mesmo. No que dis, ademais de Manuel María, vén a despedida que fago miña: “Manuel Lemos ofrécenos unha viaxe man a man co poeta, na cal se vai producindo un diálogo entre a palabra poética dun e a lírica imaxe do outro, para construír un poema inédito que nos convida a percorrermos novos camiños”...