Pobreza infantil e cinismo antiabortista

Cando presentou por primeira vez as súas intencións de reformar a lei de prazos que regula actualmente o aborto en España, o fundamentalista Ruiz-Gallardón –que nalgún tempo, coa axuda dalgúns medios de comunicación dos chamados progresistas, nos transmitira a impresión de que era o máis liberal da dereita posfranquista–, fixo dramáticas alusións a supostas campañas contra a maternidade e reclamaba a defensa do dereito das mulleres a ser nais, a ser posíbel a tempo completo, coas axudas públicas que fixeran falta.

Cando presentou por primeira vez as súas intencións de reformar a lei de prazos que regula actualmente o aborto en España, o fundamentalista Ruiz-Gallardón –que nalgún tempo, coa axuda dalgúns medios de comunicación dos chamados progresistas, nos transmitira a impresión de que era o máis liberal da dereita posfranquista–, fixo dramáticas alusións a supostas campañas contra a maternidade e reclamaba a defensa do dereito das mulleres a ser nais, a ser posíbel a tempo completo, coas axudas públicas que fixeran falta. E poñía a guinda do cinismo manipulando informes de comisións das Nacións Unidas sobre a discriminación dos discapacitados para eliminar os casos de fetos con malformacións conxénitas dos restrinxidos supostos nos que se permitiría o aborto. 

"A reforma gallardoniana é de tal calibre que esperta receos entre os membros máis sensatos do seu partido e todos pensan que vai ser despoxado dos seus elementos menos presentábeis". 

A reforma gallardoniana é de tal calibre que esperta receos entre os membros máis sensatos do seu partido e todos pensan que, se finalmente sae adiante entre as moitas dúbidas sobre a súa oportunidade que continuamente o demoran, vai ser despoxado dos seus elementos menos presentábeis. Iso si, dáse por seguro que manterá a súa premisa fundamental, a verdadeira causa da reforma: que a muller non poda decidir abortar libremente e por si mesma, sen a autorización dun médico (ou de dous). Unha causa que debe de ser tamén o verdadeiro fundamento dos antiabortistas militantes, que, teoricamente, se opoñen radicalmente ao aborto en calquera circunstancia, pero que, na práctica e nesta ocasión, admiten o aborto que, aínda que sexa en determinados e restrinxidos supostos, vai permitir a reforma de Ruiz-Gallardón.
Non se esgotan aquí os niveis de cinismo que se manexan neste delicado asunto. Naquela primeira presentación, o decepcionante ministro afirmaba que as mulleres ían recibir axudas para desenvolver a súa maternidade fronte a suposta presión social para que abortasen (unha presión que, en realidade, só se pode personalizar nas moi habituais dificultades que soportan nas empresas as traballadoras embarazadas e as que teñen fillos pequenos). Naturalmente, as promesas de axudas á maternidade contradicían os restritivos plans do goberno en materia social: producíanse en pleno despregue dos recortes asistenciais de todo tipo, que afectaban a todos os que necesitaban asistencia sen distinción de idade, sexo ou raza.

"Despois dos resultados das eleccións europeas, a dereita ten que medir calquera paso que puidese desequilibrar a súa fraxilidade electoral".

E como confirma ese último informe de Unicef, predominaron os plans de recorte, que para iso se fixera –xa nos tempos do goberno socialista anterior– nada menos que unha reforma constitucional pola que se dá absoluta prioridade aos acredores á hora de asignar os diñeiros públicos. Os resultados do 2013 sitúan a máis de dous millóns de nenos por debaixo dos límites da pobreza (é dicir, por debaixo duns trescentos euros ao mes por membro da familia) e aos que o goberno central destinou, nun plan de accións para a inclusión social no período 2013-2016, un total de 17 millóns de euros para os catro anos (é dicir, pouco máis de sete euros por neno). 

Non sabemos se a suposta recuperación económica, que o goberno pregoa con obsesión preelectoralista, vai acelerar ou frear un anteproxecto de reforma, que leva seis meses de prolegómenos antes de iniciar a súa tramitación parlamentaria, e que vai depender, en definitiva, da súa repercusión nas sondaxes. Despois dos resultados das eleccións europeas, a dereita ten que medir calquera paso que puidese desequilibrar a súa fraxilidade electoral. Pode que as mulleres xa non esperen (se algunha vez a esperaron) ningunha axuda para ter fillos. Pode incluso que os cidadáns en xeral non se sintan recuperados.