Ao pé de obra (125): Galicia contada aos non galeguistas

Este traballo de Manuel Veiga semellaría dirixirse, de xeito preeminente, segundo a interpretación do título, a aqueles individuos non partidarios na defensa e mellora de todos os aspectos nucleares que constitúen a identidade nacional deste país.

Para iso válese dunha prosa de doada lectura e enfoque pedagóxico divulgativo na que se van debullando, en pequenos capítulos, algúns significativos aspectos daquilo que conforma o noso xeito de ser. Pílulas de esencias, logo, para inxerir e pronto dixerir.

Como a non ben desvelada importancia do territorio da antiga Gallaecia durante a Idade Media. Un importante reino que, precisamente por isto, se potenciou como centro de peregrinaxe. E no que floreceu un idioma e unha literatura ao abeiro dun poder político forte.

Porén o devir da historia xogou sempre en contra dos intereses galegos. Segundo aconteceu coas confrontacións sucesorias deste período, as guerras comerciais do XVIII, que favoreceron a implantación aquí dunha burguesía conserveira catalá, ou a introdución en Europa, a finais do XIX, de produtos agrogandeiros americanos, en detrimento decote dos recursos propios.

Claro é que, como ben ten analizado o autor d’ O pacto galego na construción de España, isto é debido, á falla de políticas favorábeis á nosa terra, impulsadas, en moitos casos, por unha morea de políticos galegos con oficio e beneficio en Madrid. Coma xa antes denunciaran as significadas plumas de Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo.

Así foi que a inmensa abundancia que posuímos de auga se empregase para construír encoros aquí e crear riqueza nesoutras latitudes foráneas. Ou que, fronte á presente realidade minifundista en vigor de aquí, gobernos coma os de Francia ou Dinamarca, a partir do século XIX, promovesen plans de modernización que transformarían por completo o aspecto e os usos do campo.

Por non falar da acelerada perda de poder político e económico padecido nesta última década no noso país. E sen obviar un entramado clientelar que provoca que as empresas punteiras establezan a súa sede fiscal na capital do estado e, polo tanto, paguen alí os seus impostos.

E isto é así xa que “Desde a instauración da monarquía unitaria, as elites, os herdeiros das mellores casas galegas, así como os doutras comunidades, deben marchar a Madrid se queren continuar os seus negocios e ampliar a súa fortuna”.

No intre de se empezar a producir a sangría migratoria, ou mesmo no século XVIII, Galiza non era pobre. A pexa radicou, nesta cuestión coma noutras que nesta obra se tratan, así os prexuízos, na falla dun poder propio que antepuxese a todo o benestar social común. E nestas aínda agora andamos.

De aí que o destinatario ideal desta obra sexa toda aquela persoa que, dende as súas capacidades, dende diferentes sensibilidades, pretenda construír un presente mellor para quen sen dubidar apostamos por crear vida aquí.