S.O.S. sector lácteo
O complexo alimentario supón o 10% do emprego galego, case duplicando os números do Estado e da UE.
O complexo alimentario supón o 10% do emprego galego, case duplicando os números do Estado e da UE. Galicia achega case o 45% do leite producido no Estado, malia que só transforme industrialmente o 10%. Xa que logo, a produción de leite é un sector económico esencial na Galicia, porque tamén xera outras actividades no territorio e fixa poboación no medio rural. Mais para España a produción láctea é moi pouco importante. O que lle importa é que a grande distribución merque barato. O Estado-e isto non ten a ver con Gobernos de dereitas ou de esquerdas- quere que Mercadona venda o máis barato posíbel o leite Hacendado.
"A Xunta habería abandonar a súa inactividade para perseguer calquera violación do Dereito de libre competencia que sucede cada vez que se merca leite a un prezo inferior ao de custo"
É verdade que a reducida dimensión territorial das explotacións lácteas galegas fíxoas depender moito duns insumos cada vez máis caros e que os gandeiros con meirande base territorial, que dependen dos seus proprios pastos e forraxes, non o están a pasar tan mal. Velaí unha das claves principais do sector cara ao futuro, xunto coa diversificación produtiva e de marcas e a potenciación industrial, segundo o profesor da USC, Edelmiro López Iglesias.
Mais arestora vivimos uns intres absolutamente de crise, que requiren medidas a curto prazo. Porque a grande distribución, nomeadamente Mercadona, está a lle mercar cada vez máis leite a produtores de ampla base territorial máis próximos aos grandes centros de consumo. E porque Leite Río está a vulnerar centos de contratos con produtores, deixando de lles recoller o leite ao prezo fixado contractualmente, como ven de denunciar o alcalde de Laín, Rafael Cuíña. O leite é perecedoiro e o gandeiro terá que vender moito máis barato para non perder o seu produto.
Nesta situación urxente, a Xunta habería abandonar a súa inactividade para perseguer calquera violación do Dereito de libre competencia que sucede cada vez que se merca leite a un prezo inferior ao de custo. E facilitar un sistema arbitral (o que adoita consignarse nos contratos non funciona nalgunhas Cámaras de Comercio) que permita resolver rapidamente os incumprimentos dos contratos entre gandeiros e industrias .
E non confíemos no Goberno central. Non vai facer nada. UU.AA e XX.AA haberían sabelo xa nesta altura.