Estrasburgo: unha sentenza previsíbel

O Tribunal Europeo de dereitos Humanos (TEDH) ven de resolver, de xeito inapelable, que a chamada “doctrina Parot” é incompatíbel coa Convención Europea de Dereitos Fundamentais e, xa que logo, coa propia Constitución, pois que dacordo co artigo 10.2 desta a normativa constitucional relativa a dereitos humanos ha ser interpretada consonte cos tratados internacionais de dereitos humanos. 

O Tribunal Europeo de dereitos Humanos (TEDH) ven de resolver, de xeito inapelable, que a chamada “doctrina Parot” é incompatíbel coa Convención Europea de Dereitos Fundamentais e, xa que logo, coa propia Constitución, pois que dacordo co artigo 10.2 desta a normativa constitucional relativa a dereitos humanos ha ser interpretada consonte cos tratados internacionais de dereitos humanos. Asemade, o TEDH constitúe o interprete auténtico da lexislación de dereitos fundamentais común a todos os Estados da Unión Europea. É evidente, xa que logo, que as súas sentenzas definitivas, coma ésta, vencellan totalmente aos Poderes Públicos e Tribunais españois.

"Trátase de delictos xulgados ao abeiro do CP de 1973, polo que só poden cumprir un máximo de 30 anos"

Resumirmos a cuestión non é moi difícil. O Código penal (CP) do 1973, vixente para delictos cometidos até fins de maio de 1996, permitía a redención de penas polo traballo, cun límute máximo de cumprimento de 30 anos (sempre que o triplo da pena máis elevada non sexa inferior). O CP do 1995 mantivo o mesmo  límite até 2003 e dende entón incrementouno até os 40 anos para determinados delictos. Mais suprimiu de vez toda posibilidade de reducir condena a medio dos beneficios penitenciarios polo traballo.

Temos, entón, definido o ámbito da doutrina Parot e, xa que logo, da sentenza publicada este luns polo TEDH. Trátase de delictos xulgados ao abeiro do CP de 1973, polo que só poden cumprir un máximo de 30 anos. Os beneficios de redución das súas penas están xa recoñecidos por resolucións xudiciais ou da Administración penitenciaria irrecurríbeis. Até a sentenza da Audiencia nacional (confirmada polo Tribunal Supremo e polo Tribunal Constitucional españois) que resolveu a liquidación de condena do etarra Henri Parot, os descontos descontábanse dos 30 anos de máximo cumprimento. Mais esa doutrina determinou que a quita había que facela do total da condena: é dicir, se un individuo foi condenado a 60 anos de cárcere por  catro mortes penadas con cadanseus 15 anos  cometidas entre 1993 e 1995, os seus 9 anos redimidos, por exemplo, non convirten a súa pena efectiva en 21, senón nos 30 anos máximos, xa que a conta son 51.

"Vivirmos en democracia esixe cumprir a irretroactividade das leis penais. Velaí a decisión europea, que non ten, xuridicamente, volta de folla ningunha" 

Estou certo que se esta normativa fose incorporada ao CP vello no seu día, o TEDH nada tería resolvido contra do Estado español. Mais do que estamos a falar é dunha nova doutrina xurisprudencial  a respecto dese CP vello  do Tribunal Supremo e do Tribunal constitucional xerada o 2006 por mor da presión dunha lexítima opinión pública, pero incompatíbel co principio de legalidade propio de todas as democracias, que prohibe agravar as penas sen a existencia dunha ,previa lei penal que as agrave. E o grave problema é que os maxistrados da AN, do TS e do TC teñen aplicado esta doutrina dende a ficción que atendía cuestións de mera aplicación da pena cando o que estaban era agravando as penas a demanda social-comprensíbel humanamente- cando eran conscientes de que vulneraban o axioma democrático de que os delictos cometidos baixo o imperio dunha lei han ser xulgados baixo esa mesma lei e non baixo a lei agravada. 

Claro é que podemos castigar os delictos dun xeito moito máis severo, sen atender aos requirimentos do principio de legalidade e do estado de dereito. Mais vivirmos en democracia esixe cumprir a irretroactividade das leis penais. Velaí a decisión europea, que non ten, xuridicamente, volta de folla ningunha