Letras vivas, por favor!

En varias ocasións nas últimas dúas décadas mostrei o meu desafecto polo feito de lle dedicar o Día das Letras a un autor morto; e cantos mais anos leve morto, peor me parece a decisión. En non poucas ocasións transmítese coa escolla dun "dinosauro" a idea de que as letras galegas son algo do pasado, unha especie de regreso aos tempos inmemoriais, algo que non ten nada a ver con xente viva, activa, anovadora, aberta ao mundo… 

Sei que a miña aposta persoal por celebrar o Día da Letras Vivas en troques do Día das Letras Mortas non tivo e probabelmente non terá moitos adeptos. Un ten que ser consciente das súas capacidades mínimas como influencer e dos intereses que hai detrás de persistir no empeño do modelo actual. 

Somos unha sociedade refractaria aos cambios nos rituais da tribo e na que resulta difícil dialogar, pois en moitas circunstancias 'non hai con quen falar'. Iso non impide que máis unha vez regrese eu a carga. Hai agora unha circunstancia que xoga no meu favor, a historia. Nos últimos vinte anos os días das Letras que mellor funcionaron a nivel de seguimento polos lectores e no eido do ensino foron aqueles que se dedicaron a autores mortos de xeito prematuro e, porén, potencialmente vivos aínda no seu discurso. Foi o caso deste ano -Xela Arias- e da celebración a Lois Pereiro. Os dous pola súa aproximación a mocidade, que de súpeto puido experimentar que as letras galegas non eran un fenómeno da Era Terciaria, e os escritores falaban de cousas próximas e comprensíbeis.

Entendo que mudar a celebración para lle dedicar o Día das Letras a un autor vivo sería mover os marcos ideolóxicos, as rutinas escénicas, os compromisos acaídos, as pancas do poder. Por iso, en ton conciliador, propoño que, na transición a un repensar necesario, se lle dedique nos próximos anos a autores cunha obra sólida mais desaparecidos de xeito prematuro. Que lles parece e secuencia: Ramiro Fonte, Luísa Villalta, Eusebio Lorenzo Baleirón, Begoña Caamaño...