Claroscuro

Levamos case un ano de pandemia. Teriamos que ter extraído leccións deste proceso, tanto no eido científico, como no da comunicación e, por descontado, no eido do poder (político e non só).

A pandemia resultou humillante para os profesionais da viroloxía e da epidemioloxía. Daban consellos e lanzaban mensaxes contraditorias, aventaban hipóteses sen confirmar (zoonoses provocadas polos pangolíns, os morcegos, unha fuga dun laboratorio chinés etc.), sen verificación e sen que as teses estiveran contrastadas polos datos. Resultado, unha gran confusión magnificada nos medios e usada polas distintas faccións políticas (negacionistas incluídos), para armar bulla e propiciar decisións erráticas. Esta situación de caos moderouse co tempo e hoxe aqueles científicos humillados foron quen de, cando menos, concretar cal é o modo de transmisión predominante (aerosois). Sabemos máis que ao inicio e coa inxección masiva de diñeiro público e privado nas empresas farmacéuticas, estas foron producindo vacinas para atallar a pandemia. Dalgún xeito os humillados científicos están agora recuperando o seu prestixio. Producíronse tamén importantes avances nos tratamentos paliativos (aqueles que curan os síntomas e reducen a carga viral).

Daquela logo de tantos meses de desacougo hai motivos para o optimismo.

Os medios de comunicación tradicionais e as redes sociais tiveron unha actitude caótica: difundindo novas sen verificar, comunicando visións nesgadas da realidade ou incrementando o noso nivel de medo sen fomentar a esperanza nunha solución á crise. 

Os poderes do noso estado semi-federal (lexislativos, xudiciais e executivos) tiveron tamén comportamentos censurábeis. En troques de apoiar a unidade de acción diante do descoñecido, dedicáronse (moitos deles) a cuestionar en permanencia as decisións tomadas polos gobernantes, contradicíndoas ou alentando a desobediencia.  

A esperanza aliméntase de resultados non de desunión, desinformación e medo. Esperemos cambios.