Guerra global na Ucraína?

O conflito armado na Ucraína, intensificado de maneira aberta após a ofensiva militar rusa iniciada a pasada semana, avanza na súa configuración como unha guerra proxy na que se está a medir a correlación de forzas nunha disputa internacional en termos de hexemonía global. 

A escalada económica, diplomática e militar, que precedeu o ataque ruso, evidenciaba os intereses xeoestratéxicos que acabaron por empurrar, de novo, a guerra na Europa. Os anuncios de inminente invasión rusa que se reiteraron durante meses por boca das portavocías dos EUA e da OTAN semellaban máis proxeccións desiderativas que advertencias. Cegada a vía diplomática, coa negativa a considerar ningún dos lexítimos reclamos rusos en relación a frear o avance da OTAN (organización militar que define Rusia como inimigo) até as súas fronteiras, creáronse, á mantenta, as condicións para unha enxurrada armada. As declaracións do presidente ucraíno de que estaban a reconsiderar a súa renuncia a un arsenal nuclear propio, marcaban o cénit dunha escalada que acabaría por ser respondida desde Moscova cunha ofensiva militar convencional que nunca se debeu ter producido e que debe cesar xa. 

Cómpre, no entanto, non perder de vista que o conflito armado que envolve Ucraína e Rusia encetou hai oito anos. Após o golpe de Estado do Euromaidan, promovido pola OTAN e a UE, para forzaren a aproximación dese territorio ao seu eixo económico e militar. Un proceso envolvido ademais pola retórica chauvinista ucraína (e rusófoba) co pronazi Stepan Bandera como grande símbolo nacional. Os mesmos grupos neonazis que en 2014 fixeron posíbel o golpe contra o presidente Yanukovich, por causa de suspender o proceso de ingreso na UE, acabarían por participar do novo goberno ucraíno e agora integran a "resistencia" militar. O conflito de hoxe é a expresión intensificada do que levaba oito anos de latencia no Baixo Don, no que a poboación rusófona resistía os embates de Kiev desde unhas precarias repúblicas populares en Donestk e Lugansk que apenas controlaban o 30% dos seus territorios.  Oito anos de guerra que non foi televisada por occidente. Con millares de vítimas, moitas civís, que nin tan sequera existían, nin existen, para o relato informativo dominante. 

Ucraína é pois un grande escenario no que se está a dirimir o choque entre as potencias que desde a derrota da URSS detiñan a hexemonía mundial, os EUA-OTAN, e os novos actores internacionais que empurran unha nova realidade multipolar, con Rusia e a China á cabeza. A resposta da UE asindo como brazo político-económico da OTAN no continente, non sorprende nin decepciona. O xiro da posición da Alemaña, que até o momento exercía de contrapeso fronte a ruptura con Rusia que propugnaban os EUA, e a escenificación teatral e de consumo interno do presidente francés como pacificador abriron paso á total submisión á xeoestratexia de Washington. As máis recentes decisións da Comisión Europea sinalan con clareza que papel quere xogar a UE neste conflito. A creación do cinicamente denominado "Servizo Europeo de Paz", que será un programa de 350 millóns de euros para a transferencia de armamento á Ucraína, non só vulnera as prohibicións vixentes en diferentes estados, como o español, para a venda de armas a países en conflito, senón que supón desistir de promover unha saída pacífica, que pase por un inmediato cesar-do-fogo e a procura dun acordo diplomático. 

Contextualizar non lexitima nada. Non facelo si que procura nesgar a perspectiva para que a realidade encaixe no relato prefabricado e de parte. Por iso é de agradecer, e moito, o esforzo xornalístico de algúns medios, como Nós Diario, por non sucumbiren á propaganda. Por seguir apostando polo xornalismo de feitos e non de declaracións. Por manteren a perspectiva crítica, malia as dificultades de sostela en procesos tan complexos e en pleno desenvolvemento. Por daren espazo a análises que non encaixan no argumentario case unánime que reproducen os medios convencionais. Os mesmos que se permiten "informar" con imaxes dun videoxogo ou levando na capa fotografías doutros sucesos.